www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 23 de Xuño de 2018

Detencións en Redondela no marco dunha redada contra un grupo que distribuía coca na provincia
Sucesos • 15/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Novo golpe á distribución de drogas no sur de Galicia. Dez persoas detidas e a intervención de case oito quilos de cocaína e haxís, así como algo de heroína; material para a manipulación da droga, 80.000 euros en efectivo e oito vehículos é o balance provisional dunha operación dirixida polo Xulgado de Instrución 4 de Vigo que permitiu desmantelar un activo grupo de distribución de drogas en Vigo e a súa área. Os arrestos practicáronse en Vigo, Redondela, Baiona e Tomiño, onde tamén se procedeu ao rexistro de domicilios e locais vinculados co grupo.


A investigación comezou hai xa varios meses por mor da detención dunha muller. Entón púxose en marcha un operativo de seguimentos e escoitas telefónicas que permitiron identificar aos integrantes da banda e que desde o luns pasado levou deter a outras nove persoas.


A Garda Civil da así por desarticulado un grupo que traía a droga, especialmente cocaína, desde Portugal por estrada e fornecíaa por todo o sur da provincia de Pontevedra. Os detidos pasarán a disposición xudicial.


O grupo manexaba todo tipo de sustancias estupefacientes e cambiaba continuamente de vehículos para transportar a droga nun intento de despistar ás forzas de seguridade. De feito, algúns dos vehículos estaban preparados para ocultar os alixos.


As detencións comezaron o pasado luns en Tomiño. O martes tiveron lugar os arrestos de Baiona e en Vigo. As detencións continuaron ao longo do mércores nos arredores da cidade olívica e Redondela.


Entre os arrestados atópanse vellos coñecidos das forzas de seguridade que xa foran investigados con anterioridade por venda e distribución de drogas a media escala, aínda que apenas transcenderon datos xa que a causa atópase baixo segredo de sumario.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: