www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 23 de Xuño de 2018

O Carnaval resiste e prolonga a festa durante toda a fin de semana
Cultura • 16/02/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O mércores de cinza non supuxo nin moito menos dicirlle adeus aos disfraces. Esta fin de semana son moitas as posibilidades para seguir gozando desta festa con propostas como o Enterro do Berete o sábado en Chapela ou o desfile de comparsas e a queima do Meco adiado por mor da chuvia. Mantense ademais o concurso de disfraces que premiará aos mellores de entre aqueles que se animen a participar na tarde do domingo. En Soutomaior serán vinte as comparsas que saian a rúa tamén o vindeiro día 18 con festa final na Alameda de Talo Río.


Pendentes das previsións meteorolóxicas parece que esta fin de semana si se poderá vivir o Entroido afastados dos paraugas. O mal tempo este ano obrigou a suspender practicamente todas as actividades previstas para os dáis propios do carnaval, pero dende o Concello de Redondela confían en que os veciños, aídna que sexa fora de data, participen activamente do programa previsto para este sábado e domingo.


Mañá as propostas lévanos ata Chapela onde si está confirmado o éxito do enterro do berete, xa que serán vinte as comparsas que participen da comitiva que sairá dende o Alto da Encarnación ás 18:30 horas en dirección á praia de Arealonga. Procederase nese areal queimar o berete. Unha cita que debería ser a despedida do Entroido, pero que por mor do mal tempo supón tan só un preludio de toda a festa que se vivirá no casco urbano de Redondela na xornada do domingo.


As propostas para o día 18 arrancará co desfile de comparsas que sairá dende o Campo da feiras ás 11:30 horas. Pola tarde a festa continuará nas inmediacións do concello, con festa infantil e obradoiros para os nenos a partir das 16:30 na praza da Constitución e música para animar as rúas cunha charanga. O espectáculo SubUmbra de troula Animación arrancará ás 19:30 e concluirá coa tradicional queima do meco, a "Vespa Abelutina" que durante a última semana resiste protexida polo plástico as inclemencias meteorolóxicas na praza do Concello.


A Concelleira Angela Antón anima aos veciños a vivir este final de Entroido e facelo disfrazados participando no concurso no que se premiará os mellores grupos, parellas e disfraces individuais que se inscriban a partir das cinco no propio concello.


En Soutomaior o desfile partirá tamén o domingo ás 17:00 horas dende a Rúa Calvario para percorrer as rúas Xosé Solla, Rosalía de Castro e remate na alameda de Talo Río onde haberá unha festa de Carnaval.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: