www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

Máis de 300 nenos participarán nas Actividades de Verán en Soutomaior
Sociedade • 15/06/2010
Autor: Ana Prieto

Un ano máis o Concello de Soutomaior pon en marcha un programa de actividades para o mes de xullo no que poden participar nenos e nenas entre os 3 e os 16 anos. Vela, hípica, esquí acuático, obradoiros e actividades medioambientais son algunhas das propostas. Estas actividades celebran ademais o seu 10º aniversario, e a programación está máis que consolidada, cun grande éxito de participación.


O prazo de inscrición para as Actividades de Verán do Concello de Soutomaior está aberto ata o próximo luns, 21 de xuño, pero xa son máis de 200 os rapaces inscritos, e desde a organización agardan superar a cifra dos 300 participantes. Como explicaba Francisco Iglesias, concelleiro de Deportes, esta cifra supón que nas actividades participan "a metade dos rapaces censados no municipio", o que supón un esforzo engadido para garantir o bo desenvolvemento das actividades e a "seguridade" dos menores. O programa de actividades, que comezará o 5 de xullo e rematará o 31 dese mes, inclúe deportes como hípica, vela, esquí acuático, e tamén obradoiros de manualidades, reciclaxe, actividades de animación e saídas programadas. Establécense cinco grupos distintos, distribuídos por idades, e cada un deles realiza diferentes actividades. Da programación gozan tanto os rapaces como os seus pais, que ademais de poder conciliar a vida familiar coa laboral nas vacacións escolares, poden participar tamén activamente con saídas nocturnas os venres. Unhas xornadas nas que fan exercicios de orientación, rastreo e outras actividades ó aire libre con toda a familia. As actividades están dirixidas a rapaces empadroados no Concello de Soutomaior, e os interesados poden aínda inscribirse no Concello de Soutomaior, no Pavillón da Montesiña, na Biblioteca Municipal ou na OMIX. O prezo "simbólico" é de 10 euros.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: