Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 20 de Agosto de 2018

Atl. Vilar, a grandeza dun humilde
Deporte • 4/05/2018
Autor: Ana Prieto

O equipo que dirixe Mon Sanromán está en racha. Despois de certificar o ascenso a Segunda Autonómica o pasado domingo, o mércores impúxose na eliminatoria da Copa Deputación ao R.Vilariño. A próxima semana disputan os cuartos de final ante o Matamá. O técnico amósase "feliz e orgulloso" do traballo feito, e agradecido polo esforzo dos xogores e o apoio da afección e directiva.


O At.Vilar é de segunda 25 anos despois. Obxectivo conseguido polos pupilos de Sanromán na última xornada. Foi nun final "de infarto". Tiñan que gañar ao Peña Beretes, e fixérono por goleada, pero ademais debía acabar en empate o partido Lavadores-Chapela. A carambola deuse e o Vilar conseguiu o ascenso directo. Un final de liga "incribe" para o adestrador que é froito do excelente traballo do grupo. Un momento de "verdadeira felicidade" no que se lembra de todo o esforzo vivido ata o de agora, e que dedica a toda a afección do Vilar, e en especial ao presidente, Manuel Alonso, que leva "moitos anos traballando polo club" no que xa estivo de xogador, adestrador e agora directivo. O éxito do Atl. Vilar non foi froito da casualidade, os redondeláns fixeron unha gran tempada: sumaron 63 puntos logo de 20 victorias, 3 empates e 7 derrotas. Son o equipo máis goleador do seu grupo, con 101 dianas, e só encaixaron 40. E o mellor é que os números non son mérito duns poucos goleadores, senón que o equipo pode presumir de que "a totalidade dos seus 22 xogadores, incluidos os porteiros, anotaron nesta liga", como explica Sanromán. O gardameta do partido ante o Peña Beretes, que anotou un penalti. Logo de acadar o ascenso impuxéronse na eliminatoria da Copa Deputación ao R.Vilariño. Acadaron o pase cun resultado de 5-3 na tanda de penaltis, logo de rematar o encontro con empate 2-2. O seu próximo rival en cuartos de final será o Matamá, ao que se medirán o próximo mércores 9 de maio no campo Penedo da Moo. Os de Sanromán sairán "a gañar" ante unrival que coñecen ben da liga.


Próxima temporada


No club pensan xa tamén na próxima temporada, malia que recoñecen que "aínda é cedo" para concretar nomes. O que si é seguro é que o bloque que conseguiu o ascenso vai continuar, tal como se comprometeron hai uns meses, e Sanromán seguirá a ser o técnico. Buscarán algún reforzo, sobre todo de xogadores con experiencia na categoría, malia que saben que é complicado ao xogar nun campo de terra. Precisamente as malas condicións do campo de San Martiño son un problema para o club, xa que se trata do único equipo da liga que xoga en campo de terra. O adestrador recoñece que será "moi difícil" poder dotalo de herba artificial, pero fai un chamamento ás administracións para que se impliquen. O próxima ano o club celebra o seu 50 aniversario, e Sanromán advirte que se non se instala céspede no campo "a entidade desaparecerá nuns anos".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: