www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

AER denuncia o uso de material non proxectado na obra do Maceiras e pide a paralización dos traballos
Política • 15/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Insisten en que as explicación do Concelleiro de Medio Ambiente nas que asegura que técnicos do organismo autonómico e do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) avalan a realización das obras ao non afectar á canle do río non se axustarían ao permiso concedido por Augas de Galicia. Un permiso no que se establece que "os traballos non se poderán executar entre abril e xuño, ambos incluídos, durante o período de reprodución e cría da fauna da foresta. Reclaman tamén dende AER que se proceda ao levantamento dos muros de contención que foron realizados con material non autorizado. Unhas peticións que xa trasladaron a Augas de Galicia.


Malia que dende o concello insisten en que a obra que se está a realizar actualmente só afecta ao firme do paseo e que polo tanto non estaría afectada pola cláusula que establece que os traballos non se poden facer entre os meses de abril e xuño, dende AER explican que "na autorización non se fala en ningún momento de que estas condicións sexan só para a canle do río, en todo momento faise referencia á senda no seu conxunto" polo que os traballos deben ser paralizados.


Engaden que logo de visitar a obra "atopamos varias actuacións que non se corresponden co proxecto do paseo" e salientan entre outras "irregularidades" o feito de que "os muros elaborados no río Maceiras non corresponden co proxectado ao empregarse outro tipo de pedra e con barrenos cando no proxecto establécese expresamente que os muros de contención serán realizados en pedra tosca, irregular, sen barrenos".


Por estes motivos solicitan que se paralicen as obras ata o mes de xullo en base as cláusulas da autorizacións emitida pola Xunta e que se proceda "ao levantamento dos muros de contención construídos cun tipo de pedra non autorizada e con barrenos ao longo das súas caras visibles".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: