www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

Os colexios súmanse ás homenaxes en torno a escritora das Letras Galegas, María Victoria Moreno
Cultura • 16/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A piques de celebrarse o Día das Letras galegas as homenaxes, referencias e recoñecementos á escritora María Victoria Moreno increméntanse en todos os ámbitos. Pero como profesora que foi, dedicada practicamente toda a súa vida á docencia, de seguro que as homenaxes que máis lle terían gustado son as que estes días en todos os centro educativos de Galicia se lle están a facer nas aulas. No Colexio de Cedeira decidiron gravar un audio coas intervencións dos máis pequenos que resumen, ao seu xeito, a vida e obra da homenaxeada neste 17 de Maio.


María Victoria Moreno foi unha escritora galega malia ter nacido en Cáceres no ano 1939. Chegou a Galicia en 1963 acompañando a José Luis Llácer, invidente, con quen casou ao finalizaren a carreira e co que se trasladou a Pontevedra por ser el contratado no Colexio da ONCE. En Pontevedra viviu máis de corenta anos, até a súa morte en 2005 pois, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, a súa casa sempre estivo nesta vila.


A historia de amor entre María Victoria e Galicia, segundo se recolle na biografía publicada pola Real Academia Galega, comeza en Pontevedra. Logo de dar aulas como interina nesa cidade, en 1965 aprobou as oposicións, sendo destinada ao Instituto Masculino de Lugo, onde ensinaba Xesús Alonso Montero, con quen manterá unha estreita amizade durante toda a súa vida. Grazas a el mergúllase na lingua e sobre todo na literatura galega. Desde ese momento María Victoria converteuse nunha activista a prol da lingua galega, un compromiso vencellado ás reivindicacións de democracia e xustiza social.


A súa extensa biografía e as súas publicacións podémolas repasar no Portal da Lingua Galega


http://www.lingua.gal/letras-galegas?content=/Portal-Lingua/Contido/recursos/letras-galegas/2018/contido_0033.html


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: