www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Redondela perde dous festivais de música en menos dun mes: o Ventofolk e o Arrastro Rock
Cultura • 22/05/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A menos dunha semana da súa celebración a organización xuvenil Ventorock decide suspender o festival folk que estaba previsto se desenvolvese este sábado no Viso. Explican os organizadores que a decisión de suspender a convocatoria, malia ter pechado xa o cartel, responde a "motivos técnicos". Un festival que celebraba este sábado día 26 a súa V edición e que contaba coa actuación dos grupos Tanto nos Ten e Virandeira.


O ventofolk anunciaba hai tan só un par de semanas a decisión de cambiar a súa ubicación habitual debido a que as obras que se estaban a realizar no recinto de Ventosela impedía que se empregara ese espazo. Trasladaban así a V edición do festival ao parque do Loureiro no Viso e adiantaban, a través das redes sociais, un programa festivo que arrancaba xa en horario de mañá con actividades para todos os públicos en sesión vermú, música durante toda a tarde e peche cos concertos dos grupos Tanto Nos ten e Virandeira. Con todo, nas últimas horas comunicaron que finalmente deciden cancelar o festival argumentando "problemas técnicos" e insisten en que tentarán celebrar o encontro noutra data.


Unha cancelación que chega logo de que recentemente se suspendera tamén outra cita festiva e musical como é o Arrastro Rock. Neste caso os organizadores explicaron que decidían suspender o evento ante a imposibilidade de cumprir os requisitos solicitados dende o Concello para outorgarlles o correspondente permiso municipal.


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: