www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

A directiva da SAR busca relevo
Deporte • 5/06/2018
Autor: Ana Prieto

O histórico club de balonmán redondelán ten aberto o prazo para presentar candidaturas á súa directiva ata o día 15 deste mes. O actual presidente, Aurelio Krook "Lito", sinala que sería "moi positivo" para o club contar con xente nova, que achegue outro punto de vista e novas ideas.


Nos últimos tempos téñense incorporado novos membros á directiva que preside Krook, quen afirma sentirse "moi cómodo" traballando con todo o equipo humano que conforma o club. Con todo, o presidente entende que despois de tantos anos é necesario "un relevo", xente que achegue "novas ideas, outro punto de vista e ilusión". A situación actual do club é boa, tanto a nivel económico como deportivo. O presidente salienta a excelente temporada do equipo feminino, da División de Honra Prata. As mozas de Elisardo Covelo "Chini" pelexaron ao máis alto nivel e remataron a temporada entre os mellores equipos da liga. Na categoría masculina de Primeira Nacional o equipo redondelán non acadou o obxectivo da permanencia, malia que pelexou "ata o último partido". Krook sinala que se trata dun equipo "en transición" con xente moi xoven que está aínda collendo experiencia. Con todo, o ascenso do Atl. Novás á categoría Prata e o feito de que o Carballal non acadara subir de categoría, deixan dúas vacantes no grupo. Por experiencia de anos anteiores, a Federación podería ofrecer unha desas prazas á SAR, e desde o club xa están a facer as xestións correspondentes, polo que son "optimistas".


Contas saneadas


E no eido económico a situación da SAR é tamén positiva. Á espera de contar cos ingresos pendentes das subvencións concedidas polas diferentes administracións, a SAR remata a temporada "coas contas saneadas". O club agradece tamén a colaboración privada de empresas como Plastic Omnium, Rodavigo, Sánchez Álvarez, Marodri, Goycar Galicia, TAG Formación, e os locais Mapache e Solera.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: