www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 14 de Decembro de 2018

A antiga parcela de Fenosa convértese nun espazo de lecer
Institucional • 8/06/2018
Autor: Lorena Otero

Tumbonas de pedra, un estanque e zona verde con pérgolas e asentos transformarán este espazo ao carón do río nunha zona de ocio e lecer que lle dará continuidade ao parque infantil e aos xardíns da alameda. Unha obra que están a realizar os alumnos do obradoiro de emprego Redondela “Vila Bela” e que recupera un espazo que permanecía baleiro dende que en maio de 2015 se derrubou o edificio que a empresa eléctrica tiña no centro da vila.



Os vinte alumnos do obradoiro de cantería e agricultura ecolóxica, xardinería e viveiros continúan os traballos de recuperación desta parcela situada ao carón dos xulgados e que suporá a recuperación deste espazo para a cidadanía. Este xoves, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e o alcalde Javier Bas, visitaron as obras. López Chaves destacaba a importancia destes cursos nos que a Xunta investiu preto de 280.000 euros xa que os participantes ademais de formación tamén son contratados durante nove meses ademais de conseguir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.


O delegado da Xunta lembraba que está aberto, até o próximo 25 de xuño, o prazo de solicitude da nova convocatoria de axudas para os obradoiros duais e para os dirixidos á mocidade.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: