Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Agosto de 2018

Actividades de voluntariado ambiental na praia e charlas sobre xestión responsable da auga
Institucional • 12/06/2018
Autor: Ana Prieto

O sábado 16 de xuño o departamento de Medio Ambiente organiza unha xornada de voluntariado ambiental que consistirá na recollida de lixo na praia de Cabanas. Ademais celebran charlas sobre o consumo responsable da auga nos colectivos e asociacións que o demanden.


A actividade de voluntariado ambiental será na praia de Cabanas, en horario de 10:30 a 13:00 horas. A actividade realizarase dentro da campaña "1 m2 por las Playas y los Mares 2018 do Proyecto Libera" en colaboración con Ecoembes e Seobirdlife. O obxectivo é contribuir a unha mellora da calidade do medioambiente por medio da análise e obtención de datos científicos, e así coñecer o impacto ambiental que xeran os refugallos nas nosas praias. A actividade está ideada para todos os públicos . Aquelas persoas interesadas en participar poden anotarse directamente no Concello, a través do teléfono nos números 986.400.300/698.142.025 ou no enderezo electrónico medioambiente@redondela.gal. O número de prazas é limitado, e todo o material necesario achegarano os organizadores do proxecto.


Charlas sobre o consumo responsable da auga


Dentro do programa de charlas de concienciación ambiental previstas polo Departamento de Medio Ambiente para este ano, o pasado xoves día 7 presentouse no CRPL Lenda unha das que se desenvolverán esta tempada: "Unha nova xestión sobre o uso da agua". Nesta charla informouse de como influímos coas nosas actividades cotiás nun recurso "finito e indispensable para a vida". Desde o departamento de Medio Ambiente advirten que é un ben "cada vez máis ameazado" por consumos abusivos, pola contaminación, polo estilo de vida actual e mais por unha demanda "que non deixa de medrar sobre un recurso tan escaso". De toda a auga doce existente no planeta, só aproximadamente o 1% sería apta para o consumo humano, porcentaxe que dá conta do seu valor. Millóns de persoas en todo o mundo non poden acceder a ela, polo que é preciso un uso más responsable. De cara ao próximo curso escolar esta charla impartirase nos centros de educación do Concello que o soliciten, para así contribuír a concienciar á mocidade sobre este tema.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: