www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Redondela súmase ao Camiño da Reciclaxe
Institucional • 13/06/2018
Autor: Ana Prieto

O Camiño Portugués súmase á iniciativa Camiño da Reciclaxe, co fin de protexer a contorna natural deste itinerario e contribuír á súa conservación. Trátase dun proxecto ambiental que busca que os miles de peregrinos que anualmente percorren o Camiño de Santiago poidan separar e reciclar os distintos residuos de envases que van xerando durante cada etapa, evitando así a "basureza", os residuos xerados pola actividade humana e abandonados na natureza.


O albergue de peregrinos da Casa da Torre acolleu onte a presentación desta campaña, na que estiveron a directora de Turismo, Nava Castro, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, e o director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, Ángel Hervella, acompañados polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez. Od concelleiros de Medio Ambiente e Interior de Redondela, Miguel Ángel Álvares e Arturo Fernández, asistiron tamén á presentaciónda campaña. Nela participan máis de 200 albergues públicos e privados do Camiño de Santiago e os milleiros de peregrinos que realizan a ruta xacobea. O obxectivo é facer desta peregrinaxe unha ruta "100% sustentable", estendendo a conciencia ambiental e o respecto aos valores naturais, patrimoniais e históricos ao longo deste itinerario. Ferreira Costa argumentou que Galicia debe estar "á cabeza da transformación ambiental, social e económica" que está a experimentar este século XXI, é dicir, a transformación cara o novo modelo de economía circular. Pola súa banda, a directora de Turismo, Nava Castro, manifestou a súa satisfacción por que esta campaña, que xa se realizaba no Camiño Francés e no do Norte, á que agora se suma tamén o camiño Portugués, un roteiro que medra cada ano en número de peregrinos, a un ritmo dun 22% no que levamos de ano. Na iniciativa Camiño da Reciclaxe os albergues adquiren un papel fundamental, xa que se converten no mellor lugar onde poder reciclar os envases que van xerando. Todos eles foron equipados con contedores amarelos, -onde se depositan os envases de plástico, latas e briks-, e azuis, destinados aos envases de papel e cartón. Así mesmo, recibiron carteis explicativos para o seu correcto uso, así como unha guía sobre como reciclar correctamente. Do mesmo xeito, recoñeceuse a súa implicación no proxecto coa entrega dun selo que os identifica como "ecoalbergue". Para axudar aos responsables dos albergues, a iniciativa incorpora material de benvida ao "ecoperegrino" con distintivos e vinilos con consellos e recordatorios para concienciar sobre o aforro enerxético e de auga. Asemade, os propios hospitaleiros serán os encargados de repartir entre os camiñantes o material para os peregrinos, deseñados para facilitar a reciclaxe de envases. Estes están compostos por unha bolsa reutilizable que lles será de gran utilidade á hora de transportar os residuos entre albergues dunha forma cómoda e sinxela. No caso de Galicia, repartiranse máis de 40.000.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: