www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 22 de Xuño de 2018

Marcos Montes deixa o C.D. Choco e ficha polo Coruxo como axudante do seu irmán Jacobo
Deporte • 14/06/2018
Autor: Ana Prieto

O que era un segredo a voces vén de confirmarse. O entrenador do Choco as tres últimas tempadas, Marcos Montes, deixa o banco do primeiro equipo da entidade para sumarse ao corpo técnico do Coruxo, equipo que dirixirá a próxima temporada o seu irmán Jacobo. Marcos continuará no club redondelán como coordinador deportivo.


O Choco debe afrontar este verán un troco importante no referente ao primeiro equipo tras a decisión de Marcos Montes de deixar o seu posto de adestrador. Non obstante, o técnico continuará no club como coordinador da estrutura deportiva da entidade e, de feito, está a traballar da man do presidente, Iván Crespo, e a xunta directiva na busca dun novo inquilino para o banco. O técnico dá o salto á Segunda B logo de que o equipo vigués decidise renovar ao seu irmán. Jacobo Montes, tras exercer de segundo adestrador de Rafa Sáez o pasado curso e de primeiro técnico nos dous últimos partidos de liga e na promoción de permanencia, continuará técnico do equipo do Vao. Marcos será o seu asistente. A parella redondelana garante un cambio de ciclo na entidade e, probablemente, de estilo de xogo.Os dous irmáns Montes predican un xogo fundamentalmente ofensivo, con moita posesión de balón, pero tamén agresivo na presión sobre o rival e vertical nos últimos metros. Marcos explicou que deixar o Choco "foi complicado", xa que é o seu club "de toda a vida", e seguirá nel como coordinador. Recoñeceu que non podía deixar pasar a oportunidade de dar "un salto da calidade" e formar equipo co seu irmán. O obxectivo pasa por evitar os apuros vividos polo Coruxo na última campaña na que disputou a promoción de permanencia e logrouna. No seu paso polo Choco, Marcos Montes estivo tres temporadas na Terceira División. Na primeira campaña meteu ao equipo na promoción de ascenso e superou unha rolda, o que supuxo a mellor clasificación en toda a historia da entidade. Nas dúas campañas seguintes, a formación obtivo a salvación sen apuros ao quedar na metade da táboa. Desde o C.D. Choco sinalan que, máis alá dos resultados deportivos, Marcos Montes é un adestrador "de club, un traballador notable e unha persoa que trasmite paixón e dedicación polo seu deporte", e desésanlle "toda a sorte do mundo" nos seus novos retos profesionais.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: