www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

SOAR, a asociación de Amigos de Redondela que nace para fomentar o voluntariado
Cultura • 2/07/2018
Autor: Ana Prieto

En Redondela acaba de ver a luz SOAR, a Asociación de Amigos de Redondela que busca conectar con redondeláns que residen fóra do municipio. O presidente, Pedro Regojo, entende que o colectivo pode facer un gran labor na vila, fomentando o voluntariado. Teñen previsto organizar ao longo do ano diversos actos culturais, conferencias e coloquios.


O empresario Pedro Regojo Otero é o presidente do colectivo fundado recentemente en Redondela e que se declara "apolítico". O seu vicepresidente é o redondelan Xesús Pérez Varela, ex conselleiro de Cultura na época de Manuel Fraga. Na directiva tamén participan persoas de diferentes ámbitos da vida social de Redondela. O seu secretario é o avogado Alfonso Pereira Fernández, o tesoureiro José Manuel González Fervenza, a responsable de Acción Social é Carmen Pache Muiños, o de Cultura, Luís Cuntín Docampo e a responsable da área de Educación é Elisa Amoedo Barciela. Isaac Araújo Figueroa encárgase de Relacións, Manuel Outerelo Xusto de Turismo, Aurora Alonso Monteagudo de Promoción Social e Francisco Pérez Amoedo leva o apartado de Deportes. O presidente explica que o seu primeiro obxectivo é "conectar aos redondeláns que están fóra do municipio", xa sexa noutros puntos de Galicia, ou mesmo noutras comunidades autónomas ou emigrados noutros países de todo o mundo. Entende que a cota de socio, de 10 euros anuais, é asequible e permitirá que cada vez se sumen máis persoas ao colectivo.


A aventura de poñer en marcha esta asociación naceu despois de que Regojo Otero deixase os seus compromisos empresariais. Confesa que se sentía "en débeda" con Redondela, e que agora que goza de máis tempo libre "era o momento de poñer en marcha este proxecto". Rodeado "dun gran equipo humano" pretenden fomentar o voluntariado, unha cuestión "fundamental" di, nos tempos actuais, para que aqueles que teñan máis tempo ou recursos económicos "poidan axudar a quen o necesite".


SOAR organizará aolongo do ano diferentes actos culturais e sociais, conferencias, viaxes, etc. Os fondos que se recaden coas diferentes actividades destinaranse integramente "a fins solidarios e asistenciais".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: