www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Xullo de 2018

AER denuncia deficiencias na humanización da Avenida de Vigo en Chapela
Política • 3/07/2018
Autor: Lorena Otero

Non se plantaron ningunha das 69 árbores que estaban proxectadas, faltan bancos, papeleiras e xardineiras. A supresión da parada do autobús de Pontevedra, a colocación de colectores en emprazamentos que dificultan a visión e beirarrúas polas que non cabe unha cadeira de rodas, son algunhas das deficiencias que rexistra a obra segundo a formación.


A Agrupación de Electores de Redondela preguntará no pleno deste mércores sobre as obras de humanización da parroquia de Chapela, que din rexistran numerosas deficiencias como a falta de elementos que estaban planificados ou erros de localización. Instan ao goberno local a supervisar o cumprimento do proxecto e completar e corrixir as deficiencias detectadas antes da recepción da obra.

Segundo explican dende AER, no proxecto se recollía a plantación dun total de 69 árbores con “alcorque” moi preto das beirarrúas ou nelas. “Destas 69 non se plantou ningunha, e os “alcorques” non están feitos” en cambio si se plantaron 20 árbores, 14 nun recheo que non saía no proxecto e outras 6 na antiga estación de tren.


Engaden que o proxecto de reforma da Avenida de Vigo tamén contaba coa instalación de 7 bancos, 18 papeleiras e 19 xardineiras. Destas, a día de hoxe, soamente están colocados 6 bancos, todos concentrados nunha mesma zona. Tampouco se instalaron algunhas das varandas inoxidables deseñadas para aportar seguridade aos peóns.


Tamén fan fincapé na supresión da parada do autobús que vai a Pontevedra o que obriga ao autobús que pasa por Chapela dirección Pontevedra a parar ocupando un carril enteiro, provocando cortes no tráfico así como risco na seguridade viaria.


Deficiencias ás que engaden a colocación de contedores que dificultan a visión e beirarrúas que veñen de ser reformadas e polas que non pasa unha cadeira de rodas, como é o caso da baixada a Pescanova.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: