www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Xullo de 2018

44 anos enchendo a pista da Xunqueira
Deporte • 3/07/2018
Autor: Lorena Otero

O Mundialito volve ser o protagonista deportivo das tardes do mes de xullo en Redondela. Dezanove equipos disputan este ano o campionato que organiza o Redondela F.S. e que se prolongará até o 28 deste mes. A calidade e o bo ambiente que se vive na pista da Xunqueira son o gran aliciente deste torneo que suma xa 44 edicións e que é un referente en toda a provincia. Con catro partidos diarios de luns a sábado o espectáculo deportivo está asegurado.


Malia o incremento dos requisitos da administración e as dificultades que agocha organizar unha campionato deste tipo, os xogadores xa están na pista da Xunqueira e un ano máis, o Redondela F.S vén de pór en marcha este torneo, logo de verse na obriga de suspender o Maratón de Semana Santa, por mor da falta de participantes.

Non é o caso desta cita deportiva na que a expectación que xera, con numeroso público animando todas as tardes, xunto á calidade dos participantes e o compañeirismo, convértena nunha cita ineludible. Con dúas categorías, en Senior e Cadete, os equipos xa saltaron á pista o luns dous de xullo.


Un campionato no que ademais dos premios para o campión, de trescentos euros, e para o subcampión, cen euros, tamén se recoñece ao máximo goleador e a deportividade, xa que o Mundialito, como fai fincapé dende o club, Fran Iglesias, tamén quere crear afición e transmitir valores.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: