www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Colectivos culturais ameazan con suspender as actividades do vindeiro ano ante a falta de apoios
Cultura • 12/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

A Plataforma de activistas culturais e artistas de Redondela "Siña Paca" anuncia que se non se consegue un compromiso firme do alcalde para a mellora da resposta municipal aos diferentes eventos culturais que organizan artistas e colectivos locais "procederase á supresión de todas as actividades culturais de base para o vindeiro ano, o que afectaría, entre outras, a eventos xa consolidados como o Millo Verde, o Artelixo ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela, que celebra o vindeiro ano a súa XX Edición.


A Plataforma considera "inadmisible" a actitude do Concello respecto dos colectivos que organizan actividades na vila, algo que responde, ao seu entender, a "antipolítica cultural do PP". Poñen como exemplo do deterioro que está a sufrir a cultura de base na nosa vila o feito de que no último ano se teñan suspendido eventos como o Vento Rock, o Vento Folk, o Arrastro Rock e o Arde Rande.


Engaden que a falta de apoio por parte do concello é evidente "non falamos de achegar cartos, senón de ceder espazos, infraestruturas (palcos, equipamentos técnicos) ou ofrecer o seguro de responsabilidade civil do concello" e lonxe de colaborar a resposta sistemática por parte dos responsables son "trabas e ameazas, chegando en moitos casos a denegar o permiso para a realización dos mesmos" e acusan o Goberno local de "gobernan claramente para os seus, e fuxir de colaborar con quen lles parece sospeitoso de non ser do seu nicho de votantes, unha  práctica que dista moito de ser democrática, palabra que usan, pero na que non cren".


Tamén consideran inaceptable que, habendo espazos inutilizados e nun estado lamentábel, como é o caso das antigas Casas dos Mestres, na Marisma, os colectivos culturais non dispoñan de espazos para almacenar os materiais que estes eventos xeneran, tendo os organizadores que acollelos nas súas casas, cando se trata de materiais para uso e goce de toda a cidadanía.


A Plataforma, que se presentaba oficialmente na I Romaría Cultural celebrada este sábado con presenza de centos de persoas , reunirase novamente o luns 1 de outubro ás 20:00 horas na Casa da Cultura. Unha xuntanza aberta a todos os cidadáns e colectivos que desexen achegarse.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: