www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

Educación convoca unha reunión a tres bandas para abordar as demandas do Colexio de Cedeira
Sociedade • 13/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

Responsables de Inspección educativa reuniranse o vindeiro luns con membros do equipo directivo do colexio de Cedeira e do goberno local de Redondela, nunha xuntanza na que se falará da demanda dun profesor máis para o centro educativo que permita manter o desdobramento da clase de 6º de primaria. Pais e nais amósanse molestos por non estaren convocados a esta reunión e anuncian que incrementarán as mobilizacións en caso de que non se atendan as súas demandas.


O curso arrancaba onte pero non para todos. Nenos e nenas de 6º de primaria do Colexio de Cedeira seguen sen acudir a clase logo de que a Consellería retirase o desdobramento que dende o 2015 afectaba a este curso. Unha situación que se adoptara no seu día por recomendación dos servizos de orientación atendendo ao número de alumnos (26) e as necesidades educativas especiais que presenta dita clase.


"Non entendemos a decisión de Educación de unificar estes dous grupos nunha única clase, tendo en conta que as características específicas do curso son as mesmas que en anos anteriores" explica o presidente da ANPA, Daniel Boullosa. Engade que a alternativa da Consellería foi ofrecerlle un profesor de apoio tres días á semana, algo que consideran insuficiente.


Anuncian dende a Anpa que as medidas de presión, que afectan estes días exclusivamente aos alumnos de sexto, ampliaranse a unha mobilización de todo o Centro no caso de que non se solucione a problemática que pasa por "manter un profesor máis durante este curso".  


Non  é o de Cedeira o único centro do concello con incidencias neste inicio de curso xa que tamén en Quintela hai malestar logo de que a consellería decidira unificar os tres cursos de infantil nunha única aula.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: