www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

O PP defende a súa xestión cultural e acusa a Plataforma Siña Paca de moverse por intereses políticos
Política • 13/09/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello apoia aos artistas locais con máis de 80.000 euros en axudas directas e subvencións. Con este dato o goberno do PP de Redondela contesta ás críticas da recén creada Plataforma de Artistas e Activistas locais Siña Paca quen os acusa de "poñer trabas e non ceder equipamentos ás asociacións culturais" e anuncian que suspenderán a programación cultura do  próximo ano se non reciben máis apoio do Concello. Para o PP estas acusacións responden a "unha burda manobra política que da comezo á precampaña electoral".


Engaden dende o goberno municipal que "para todos os festivais e festas populares que se celebran tanto no casco urbano como nas parroquias cédese de xeito habitual material eléctrico, valados, colocacións de puntos de auga, servizo de protección civil, mesas e mobiliario municipal".


Sobre a negativa a cubrir co seguro municipal os eventos organizados dende diferentes colectivos aseguran que "é completamente ilegal que o concello cubra eventos que non son organizados pola propia administración" e engaden que "o descoñecemento da norma fai que nos acusen publicamente de cumprir a legalidade".


A crítica sobre a falta de apoio a eventos determinados din "non ten máis percorrido que o daquelas persoas que cren a día de hoxe que se poden organiza eventos públicos sen cumprir as normas mínimas sobre seguridade".


Amosan tamén o seu malestar polo feito de que se sumen a estas críticas dende a organización do Festival Internacional de Títeres cando "practicamente o 100 % das súas demandas son atendidas e tendo en conta que o importe da achega do concello incrementouse nun 25% dende que está gobernando o PP".


Conclúe o PP asegurando que o seu goberno foi o que maior apoio amosou aos grupos locais a través da contratacións destas formacións musicais no cartel das grandes festas da vila.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: