www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Enrique Davila: "Se o grupo segue traballando así o Redondela F.S. estará moito máis arriba"
Deporte • 2/10/2018
Autor: Ana Prieto

Logo do primeiro triunfo da temporada ante o Copefri Beade, o adestrador do Redondela Maramar está convencido de que o equipo "pode dar moito máis". O técnico confía na calidade dos xogadores e asegura que se seguen traballando como ata o de agora, o equipo estará "moito máis arriba".


Á terceira vai a vencida. O conxunto redondelán tivo que agardar á terceira xornada de liga da Prefente Sur do fútbol sala galego para anotar a súa primeira vitoria. Foi o pasado sábado, en Beade. Un triunfo que permite aos de Davila sumar os seus primeiros tres puntos, e tamén unha inxección de moral "que era moi necesaria para o grupo" como recoñece o adestrador. É tamén a primeira vitoria de Enrique Davila como adestrador do Redondela Maramar. O novo adestrador, que xa pasou polo banco de equipos da bisbarra como o Talleres ABC ou o Abetos Gondomar, xa coñecía ben o club. E non dubida en afirmar que é "un gustazo" recalar nun club coa historia e a estrutura do Redondela F.S. E se ben a liga non comezou todo o ben que lle gustaría, están convencido de que a liña do equipo será ascendente. Amósase moi satisfeito co traballo semanal dos xogadores, un excelente grupo "tanto no eido deportivo como no persoal". E está convencido de que o equipo "pode dar moito máis". Actualmente están na 10ª posición da táboa, pero Davila confía en que poidan mellorar esa clasificación posición unha vez que o equipo mellore como grupo. A próxima cita será na casa. O sábado reciben en Redondela ao Baiña Futbol Sala, 9º clasificado e que suma un punto máis que os redondeláns. O adestrador confía en facerse cos tres puntos ante a súa afección e diante un rival "que non o vai poñer doado". A cita é ás 18.15 horas no pavillón da Marisma.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: