www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Xornada de limpeza da zona da Enseada e reparto de composteiros
Sociedade • 3/10/2018
Autor: M. X. Queimaliños

O departamento de medio ambiente do Concello ten en marcha dúas novas iniciativas de cara os vindeiros días. Así, este sábado día 6 organizan unha xornada de limpeza na zona da Enseada da Portela co gallo de concienciar sobre os elementos de alto nivel contaminante que acaban no mar como cabichas ou plásticos. Para promover a reciclaxe dos residuos domésticos organizan tamén un novo reparto de composteiros. Ámbalas dúas accións precisan de inscrición previa no 986 400300 ou no enderezo medioambiente@redondela.gal.


O Concello de Redondela organiza a través do Plan Libera unha nova xornada de limpeza neste caso na zona da Enseada da Portela. Nesta ocasión a campaña fai fincapé en elementos de alto nivel contaminante que chegan aos nosos ríos, praias e mares, e tardan anos en desaparecer. Lixo de difícil eliminación como as cabichas, bolsas plásticas, envoltorios, botellas plásticas, tapóns, palliñas e bastonciños. A xornada terá lugar o vindeiro 6 de outubro ás 10:30 horas e o punto de encontro é a explanada da depuradora.


Entrega de composteiros


Por outra banda este departamento pon en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica para todos os veciños que estean interesados na xestión dos residuos xerados nos propios fogares.


As persoas interesadas en facerse cun destes composteiros deberán asistir a unha charla na que se lles explicarán como empregar de forma axeitada estes recipientes que permiten converter os residuos domésticos en compost, un abono que ofrece excelentes cualidades para enriquecer a terra.


Os composteiros entregaráselles a aquelas persoas que nunca recibisen algún por parte do concello.  A data da charla e entrega dos mesmos realizarase unha vez estean inscritos un numero de persoas suficiente para desenvolver a actividade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: