www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

AER convida á veciñanza a participar no seu proxecto de cara ás eleccións municipais de 2019
Política • 9/10/2018
Autor: Ana Prieto

Dende a Agrupación de Electores de Redondela fan un chamamento á veciñanza para que se implique no proxecto de AER, e así poder presentarse nas vindeiras eleccións municipais "cunha renovación de persoas e ideas". Confían en que os comicios propicien un cambio de goberno en Redondela "do que AER pode formar parte".


Dende AER consideran que a participación da cidadanía na vida política "non debe limitarse a votar cada catro anos". Entenden que nunha "democracia real" os veciños deben implicarse na vida cotiá do Concello, "participando nas decisións que se toman na administración local". Pero tamén defenden que nos grupos políticos debe haber "unha renovación constante de forzas, ideas, gañas e persoas". Fan así un chamamento para que a cidadanía que o desexe se implique no seu proxecto "para manter viva a chama da indignación e da ilusión que prendeu na xente en maio do 2011", cando se presentaron por primeira vez ás eleccións municipais. Hai case 8 anos que AER conta con representación no Concello, con nove concelleiros. Un período de tempo no que varias persoas deixaron a formación, e outras entraron a formar parte dela. Advirten que na Agrupación de Electores traballan "en equipo, en asemblea, e todas as opinións son igualmente valiosas". Insisten en que AER "non é un partido político, nin ten estrutura xerárquica". Non existen os cargos orgánicos como presidente ou secretario xeral, e están descartados os "elitismos". Ante as novas eleccións, previstas para maio de 2019, confían nun cambio de goberno en Redondela "do que AER pode formar parte". Consideran que a formación "debería contar con máis membros", tanto para o traballo cotián como para cumprir co seu obxectivo de "renovación". Buscan nova xente "disposta a traballar e dar a cara para poder rotar as figuras de primeira liña". Convidan a todos os interesados en participar a que se acheguen ás reunións abertas que celebran todos os mércores, ou a poñerse en contacto coa formación no enderezo electrónico info@aeredondela.com.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: