www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 14 de Decembro de 2018

O Concello ponse á fronte das mobilizacións para esixir a Fomento os compromisos adquiridos
Institucional • 9/10/2018
Autor: Lorena Otero

A sinatura dun manifesto de apoio por parte das asociacións e colectivos e concentracións na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, son as principais accións que poñen en marcha dende o goberno local para esixirlle ao Ministerio de Fomento que cumpran cos compromisos adquiridos con Redondela pola ampliación da autoestrada AP-9. As mobilizacións comezarán o próximo mércores, 17 de outubro. Haberá autobuses gratuítos.



Ante a falta de noticias por parte do Ministerio de Fomento dende que o 17 de maio foran aprobadas as melloras na contorna de Chapela no Consello de Estado e a falta de concrecións por parte do titular deste departamento, José Luís Ábalos, na súa visita a nosa Comunidade a pasada semana, o alcalde de Redondela, Javier Bas, o tenente de alcalde, Miguel Ángel Ballesteros e a concelleira de Urbanismo , Mª Carmen Amoedo, reuníanse este luns no Multiúsos de Chapela cos axentes sociais, colectivos culturais, empresarias e deportivos para crear unha fronte común e “lembrarlle a Madrid que a ampliación da AP-9 non está pechada e que ten que cumprir cos seus compromisos”. Para iso tentarán recabar o maior número de apoios posibles implicando a todos os colectivos e asociacións de Redondela coa sinatura dun manifesto no que ademais de lembrar o percorrido desta obra dende que se aprobou até hoxe en día e as consecuencias que supuxo para os veciños de Chapela e Transmañó, reclámase o cumprimento inmediato dos acordos adquiridos por Fomento entre eles a realización das obras de mellora na Estrada do Torreiro, Pasán, o camiño de Mouriño, Fonte de Cornide e a ampliación do paso elevado en Trasmañó. Tamén a colocación das pantallas antiruído, a eliminación da peaxe en Rande así como a presentación do estudo de viabilidade da construción dunha saída da AP-9 en Torres de Padín.


A primeira das mobilizacións celebrarase o próximo mércores, 17 de outubro, fronte á sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Co obxectivo de sumar o maior número de apoios e converter as mobilizacións en multitudinarias convocaranse de urxencia os Consellos Parroquias para informar aos colectivos da situación actual e das medidas a adoptar.


O manifesto será enviado á Xunta de Galicia, Fomento, Audasa así como á Demarcación de Estradas e a todos os partidos políticos con representación no Hórreo, Senado e Congreso dos Deputados. Un documento que estará dispoñible para a súa sinatura nos centros sociais das parroquias.


As mobilizacións comezarán a próxima semana en Pontevedra. Se non hai resposta por parte de Fomento a intención do concello e levalas até Madrid para reunirse cos grupos políticos con representación no Congreso dos Deputados.


A proposta do goberno local xa recibiu o apoio de varios colectivos como a Asociación de Afectados pola AP9, a Asociación de Veciños de Chapela así como entidades deportivas e culturais desta parroquia e Trasmañó.  Dende a Asociación de Afectados, Francisco Puch, amosaba o apoio da plataforma e aseguraba que logo de tantos anos de manifestacións e protestas non van permitir que non se executen os traballos comprometidos. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Veciños de Chapela, Marcial Pérez, pedía que os apoios non só se busquen en Redondela senón tamén en Vigo e Teis e que se convoque a comisión de seguimento.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: