www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

AER rexeita o manifesto do goberno local sobre as obras da AP-9 por "hipócrita e partidista"
Política • 16/10/2018
Autor: Ana Prieto

Desde a Agrupación de Electores de Redondela están de acordo cos puntos que se demandan no manifesto presentado polo goberno de Javier Bas, pero non "coas formas". Lamentan que se presentase nos Consellos Parroquiais "sen ningún tipo de consenso previo" e cun texto "con claras intencións partidistas". Rexeitan as "présas" do goberno local, que segundo AER atenden ao cambio de goberno na Moncloa.


Os puntos que se demandan no manifesto do Concello son: a realización inmediata das obras de mellora comprometidas en Chapela e no paso superior de Trasmañó; a colocación inmediata das pantallas contra ruído no tramo de Chapela; a supresión inmediata da peaxe de Rande; a presentación do estudo de viabilidade da apertura dunha saída da AP9 na zona coñecida como Torres de Padín. AER está "totalmente de acordo coas demandas", pero non entenden "as présas" do goberno local, "despois dunha década de abandono por parte dos diferentes responsables do Ministerio de Fomento". A Agrupación de Electores de Redondela non pode asumir o manifesto "tal como está redactado", e lamentan que o executivo de Javier Bas non buscase "un texto integrador e de consenso". Acusan ao alcalde de presentar un texto "partidista". Roberto Villar, membro de AER, critica que desde o goberno local non enviaran previamente o manifesto ao resto dos grupos da corporación, para poder debatilo e facer achegas. Cualifican de "hipócrita" a actitude do alcalde, que asistiu en decembro de 2017 á inauguración das obras por parte de Mariano Rajoy "sendo consciente de que non se recollían as compensacións para os veciños". Advirten que agora que o goberno central é do PSOE "éntranlle as présas e as demandas deben atenderse inmediatamente".


Lembran queo os problemas polas obras da AP9 en Chapela se remontan unha década atrás, e critican que o manifesto do goberno local só faga referencia ás actuacións do goberno do PSOE e ningunha apunte negativo aos gobernos do PP "que duraron practicamente sete anos". Por iso a agrupación de electores fala de "hipocrisía e partidismo".


Consellos parroquiais


Critican tamén desde AER o tratamento deste asunto nos Consellos Parroquiais, xa que non deron tempo a que as asociacións e colectivos puidesen analizar o manifesto. De feito, no caso de Trasmañó, non puido celebrarse o consello por falta de participación, e noutras parroquias os veciños tiveron que votar o manifesto sen poder ler o texto previamente. Villar entende que non existe "unha participación real dos veciños".


Concentración ante a Subdelegación en Pontevedra


Dentro das actuacións promovidas polo goberno local, está unha concentración mañá mércores. O Concello convoca aos veciños en Pontevedra, a partir das 11.00 horas, ante a sede da Subdelegación do Goberno. A convocatoria é para esixir a gratuidade da peaxe da AP9 e o cumprimento "inmediato" das obras de mellora comprometidas polo Ministerio de Fomento e a concesionaria Audasa nas parroquias de Chapela e Trasmañó. O Concello porá a disposición dos veciños autobuses gratuitos que partirán desde o pavillón de Chapela ás 9.30 horas e da Farola, en Redondela, ás 10.00 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: