www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

Hormigones Vigo deberá paralizar a súa actividade en horario nocturno
Institucional • 27/07/2009
Autor: M. X. Queimaliños

O Xulgado do Contencioso administrativo de Vigo emitira unha sentencia na que obrigaba a esta empresa a cesar a súa actividade dende as 22:00 horas ata ás 8 da mañá. O pleno do mércores abordará a nova situación da planta de formigóns



O pleno municipal que se celebra este mércores ás 20:30 horas abordará entre outras cuestións a paralización de actividade da planta de Hormigones Vigo en horario nocturno. O alcalde de Redondela, Xaime Rei, explicou que este é o único punto de relevancia nunha sesión ordinaria de trámite correspondente ao mes de xullo


A sentencia que obriga agora a esta empresa de formigóns afincada en Vilar de Infesta a paralizar a súa actividade nocturna recoñece os argumentos do veciño denunciante, José Manuel Crespo, ao entender que os ruídos que provoca a planta vulneran os seus dereitos fundamentais.


O alcalde recoñece que este veciño xa presentara denuncias no mesmo sentido ante a administración local pero alega que non se lle fixo caso "porque a empresa conta con licencia e na mesma non se especifica o horario de actividade" polo que ao seu entender non era pertinente actuar



Esta sentencia é unha máis no longo conflito que Crespo mantén coa empresa formigoneira afincada xunto á súa vivenda. De feito, Hormigones Vigo ten pendente unha eventual retirada de licencia logo de que un informe vinculantes do Consello consultivo declarara nula a licencia de actividade queo Concello lle concedera hai máis dunha década.



Esa sentencia aínda non se executou porque está pendente dun recurso presentado polo goberno local, quen en pleno acordou suspender esta orde mediante unha declaración de lesividade polo dano que suporía para as arcas municipais a indemnización aos propietarios de Hormingones Vigo.


Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: