www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 14 de Novembro de 2018

O sector pesqueiro do racú demanda cotas específicas
Sociedade • 30/10/2018
Autor: Ana Prieto

Representantes do sector o racú, con embarcacións de menos de 12 metros de eslora, reuníronse en Redondela coa eurodeputada Ana Miranda. Os armadores expuxéronlle á representante do BNG os problemas cos que se atopa esta flota que conta en Galicia con 25 barcos e máis de 100 tripulantes.


Son barcos que traballan coa arte do cerco, e que a Consellería equipara ao resto da flota desta arte, malia que o seu tamaña e a súa capacidade pesqueira "é moito menor". Afirman sentirse "totalmente abandonados" polas administracións en temas como o reparto de cotas, xa que estes pequenos barcos están no mesmo plan de xestión que as grandes naves do cerco. Explican que o problema é que cando se esgota a cota asignada "o cerco pode desprazarse a realizar outras pesqueiras, incluso noutras comunidades" e o racú non. Por iso insisten en que é preciso que as embarcacións de racú conten con "cotas especificas para eles", o igual que as teñen o cerco e o xeito. Un problema engadido é que dende 2011 moitos destes barcos están obrigados a traballar "por fóra dos anexos II", o que supón estar lonxe do abrigo das rías, entre maio e setembro. Isto implica que os días de mal tempo sexa "moi perigoso" saír a faenar. Os afectados explican que os barcos de racú non poden faenar onde o fan as grandes embarcacións de cerco con condicións climatolóxicas adversas, polo que teñen que "amarrar a porto". Pola súa banda a eurodeputada recolleu todas estas demandas e animou ao colectivo a constituírse en asociación e organizarse "para facer valer os seu dereitos". Un dos representantes dos armadores, o redondelán Joaquín Rivas, lamentou tamén que nun Concello tan vinculado a pesca e marisqueo como Redondela non exista unha Concellería do Mar, como noutros municipios veciños. Advirte que esta situación amosa "o nulo interese do goberno local por un dos sectores económicos mais importantes do Concello". Pola súa banda o responsable local do BNG, Anxo Lusquiños, comprometeuse a impulsar desde o Bloque a creación dunha concellería "que traballe polo sector da pesca e o marisqueo" no novo goberno que sairá das próximas eleccións municipais.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: