www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 12 de Decembro de 2018

Paxaretas mobilízase polo 25 de Novembro
Sociedade • 23/11/2018
Autor: Lorena Otero

O colectivo feminista redondelán organiza varias actividades co gallo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Este venres haberá un faladorio sobre experiencias profesionais coa violencia machista. O sábado proxectarán varias curtametraxes no Multiúsos da Xunqueira e convocan dúas concentracións, ás 13.00 e 19.00 horas, na Praza da Constitución. Para o domingo fan un chamamento a participar na manifestación que se celebrará na cidade de Vigo.


A piques de cumprirse un ano da súa fundación, a Asemblea Feminista Paxaretas, traballa no noso concello na defensa dos dereitos das mulleres e na loita contra a violencia machista. A concienciación, información e denuncia son as súas ferramentas de traballo e dende febreiro deste ano o colectivo, formado por preto de vinte mulleres, vén desenvolvendo distintas campañas e actividades.


O colectivo púxose á fronte das mobilizacións no caso de “La Manada”. Elas promoveron que se declarase como persoas non gratas aos seus membros en Redondela. Tamén desenvolveron un protocolo de actuación para previr as agresións machistas en actos culturais e festivos como o Festival Internacional de Títeres ou o Millo Verde e esta fin de semana, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, propoñen varias actividades para reflexionar sobre este tema. Este venres organizan un faladoiro no  Multiúsos da Xunqueira, a partir das 20.30 horas, sobre experiencias profesionais coa violencia machista. Neste coloquio participarán Raquel Doval, da Plataforma Feminista Galega, e Montserrat Gil e Isabel Gómez, da Asociación Nós Mesmas de Vigo.


O sábado convocan concentracións ás 13 e ás 19 horas na Praza da Constitución de Redondela. E nesta mesma xornada, ás 18.00 horas, celebrarán unha proxección de curtametraxes relacionadas coa violencia machista no Multiúsos da Xunqueira. O propio día 25 de novembro, convidan aos veciños a sumarse á manifestación unitaria que se vai celebrar na cidade olívica e que partirá dende o cruzamento de Vía Norte coa rúa Urzáiz. O colectivo fixou como punto de encontro os Multicines Norte. A marcha partirá ás doce do mediodía.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: