www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 12 de Decembro de 2018

Xornada reivindicativa co gallo do Día da Diversidade Funcional
Sociedade • 30/11/2018
Autor: Lorena Otero

A asociación Andaina organiza este domingo unha xornada de visibilización das persoas con diversidade funcional con actividades, a actuación da agrupación “As Maimiñas”, a lectura dun manifesto, photocall e solta de globos. Xornada coa que queren reivindicar os mesmos dereitos para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.


Andaina súmase aos actos conmemorativos do 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional o domingo día dous, a partir das 17.00 horas, na Casa da Torre se o tempo o permite senón os actos trasladaranse ao pavillón municipal. O obxectivo concienciar e informar sobre a diversidade funcional pero sobre todo reivindicar os mesmos dereitos para todas as persoas, á marxe das súas capacidades físicas, sensoriais ou intelectuais, como subliña o presidente desta asociación, Antonio García. Un colectivo que dende hai preto de oito anos traballa con rapaces con necesidades especiais en Redondela.


García recoñece que se deron pasos importantes no ámbito da inclusión deste colectivo pero aínda queda moito por facer para conseguir unha inclusión social plena  porén propoñen esta xornada festiva, que quere ser unha xuntanza coa veciñanza para que coñezan a diversidade funcional. Para iso a partir das 17.00 horas organizan diversas actividades cos socios de Andaina e todo aquel que se queira achegar, ademais da actuación do grupo “As Maimiñas” e a lectura dun manifesto reivindicativo.


Esta é unha das moitas actividades que organiza Andaina ao longo do ano e dende hai oito, cando comezou a traballar en Redondela ofrecendo apoio e asistencia ás familias con persoas con diversidade funcional. Servizos que o próximo ano incrementarán coa posta en marcha dun programa de formación profesional para os usuarios da asociación co obxectivo de conseguir a súa inserción laboral. Na actualidade, Andaina, conta con preto de corenta familias socias.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: