www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 21 de Marzo de 2019

Paxaretas convoca o I Premio Ernestina Otero "Loitando pola Igualdade"
Sociedade • 11/01/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Asemblea feminista de Redondela busca con este galardón recoñecer a mulleres pioneiras e relevantes do municipio así como a entidades ou colectivos que desenvolvan un labor a prol da igualdade real entre homes e mulleres. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 28 de febreiro e a decisión do xurado darase a coñecer nun acto oficial que se celebrará dentro da programación das actividades de Marzo Muller.


A Asemblea Feminista Paxaretas vén de abrir o prazo de presentación de candidaturas para optar ao I Premio Ernestina Otero, "Loitando pola igualdade", unha convocatoria organizada polo colectivo feminista que pretende recoñecer a mulleres pioneiras e relevantes do concello de Redondela, así como a entidades, colectivos, asociacións, empresas ou centros educativos, entre outros, que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres do municipio.


O galardón consta de dúas modalidades; un premio individual a unha muller vencellada ao municipio de Redondela e aos seus habitantes, e un premio colectivo a unha asociación, entidade, colectivo, centro educativo, etc, que tivera desenvolvido un labor de especial proxección cara Redondela e á súa veciñanza, en canto ao fomento da igualdade real entre homes e mulleres,facilitando a sensibilización e participación activa da poboación do concello de Redondela.


As/os candidatas/os a ambas modalidades poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade, colectivo ou persoa física; sen que poida ningunha delas proponerse a si mesma. Ditas propostas serán remitidas por correo electrónico á dirección paxaretasredondela@gmail.com.Cada persoa ou colectivo poderá achegar un máximo de tres candidaturas por modalidade e na proposta deberá incluírse unha memoria xustificativa que reseñe a traxectoria persoal e profesional da candidata ou traxectoria das entidades propostas, así como os principais motivos polos que deben optar ao galardón. O prazo de presentación de candidaturas finalizará o vindeiro 28 de febreiro de 2019.


A decisión do xurado, que será designado pola Asemblea Feminista Paxaretas, farase pública nun acto oficial que se celebrará dentro da programación das actividades de Marzo Muller.


As interesados e interesados poden consultar as bases do premio nas redes sociais do colectivo feminista de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: