www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

Chapela mantén a 3ª praza na Liga Galega de Traiñeiras a pesares do tropezo no Grove
Deporte • 19/07/2010
Autor: Ana Prieto

Os redondeláns non superaron a oitava praza na regata disputada onte en augas de Pedras Negras. A embarcación enganchouse na virada coa boia, o que lle fixo perder uns valiosos segundos. Isto ensombreceu o bo resultado colleitado o sábado en Poio, onde foron segundos. Mentres Samertolameu recuperou o liderado da Liga Galega, aínda que empatados a puntos con Amegrove.


REMO 


A embarcación redondelá non puido repetir o bo resultado acadado na xornada do sábado en Poio, onde foron segundos por detrás de Amegrove. Na regata de onte domingo, disputada en augas do Grove, houbo moitas sorpresas. Non só a espectacular recuperación dos de Meira, que estiveron intratables, senón tamén algunhas incidencias. O Club de Remo de Chapela, que mantiña a súa posición entre os de cabeza, enganchouse na virada coa boia e perdeu uns segundos moi valiosos. Iso fixo que o barco redondelán acabara na quinta posición da súa serie e oitavo na xeral, restándolle moitos puntos. Tamén algunha tripulación se queixou pola ondada que deixaba o catamarán da TVG.


Samertolameu, despois do ridículo do sábado recompúxose con forza e impúxose na XXVI Bandeira Concello do Grove, celebrada en augas de Pedras Negras, cunha auténtica exhibición, deixando sen capacidade de resposta a ningún dos seus rivais. Na sétima regata do calendario, disputada onte, Samertolaméu sumou o seu cuarto triunfo e foi o equipo campión de probas anteriores. Amegrove tentou manterse preto, pero Samertolaméu foi aumentando a distancia en cada ciaboga. O que estivo magnífico onte tamén foi o equipo de Mecos, vencedor na terceira serie con gran diferenza e un crono que lle levantou á segunda praza da xeral. Así mesmo, Cabo da Cruz e Muros-Náutico de Vigo mantiveron un magnífico duelo particular pola terceira praza da serie.


Agora a clasificación xeral lidérana Samertolaméu e Amegrove, igualados a 110 puntos, seguidos de Chapela, 101; e de Muros-Náutico, 100.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: