www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 16 de Setembro de 2019

Ano e medio de cárcere para un veciño de Redondela por queimar seis montes na comarca
Sucesos • 19/07/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O pirómano deberá indemnizar ademais con 5.670 euros á consellería de medio rural polos gastos que supuxo o desprazamento e actuación das súas brigadas de extinción nos lumes.


Os feitos tiveron lugar hai un ano, exactamente entre o 15 de agosto e o 15 de setembro do 2009 cando o home C.D.F., de entre 35 e 40 anos de idade, plantou lume a un total de seis monte segundo el mesmo recoñeceu durante o xuízo. Ademais de recoñecer os feitos afirmou que o facía para desfogarse porque estaba en paro ao que habería que engadir os seus problemas co alcoholismo.


As súas accións incendiarias producíanse entre as dúas e as tres da madrugada e sempre seguía o mesmo modus operandi: fabricaba unha especie de cócteles molotov enchendo botellas cunha mestura de combustible e aceite e logo prendíalles lume, lanzando os recipientes nos terreos dos seus veciños. A superficie queimada non superou as 0'2 hectáreas e a foresta calcinada foi de restrollo e mato.


O acusado aceptou a condena que reclamaba o fiscal, de ano e medio de cárcere evitando así enfrontarse a un xuízo con xurado popular.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: