www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Unha viaxe en catamarán para revivir a batalla de Rande e coñecer San Simón
Sociedade • 19/07/2010
Autor: M. X. Queimaliños

Unha iniciativa da axencia de viaxes Loa en colaboración co Concello de Vigo permite percorrer nun catamarán a historia da Ría. Un servizo do que se poden beneficiar os milleiros de cruceiristas que anualmente se achegan á cidade así como os que queiran revivir a nosa historia.


A iniciativa, enmarcada dentro do proxecto "Embárcate con Vigo" consiste nunha excursión marítima con dúas saídas ás 11:00 e as 17:00 horas os sábados e domingos durante o verán. Un catamarán con capacidade para 100 persoas  é o encargado de levar a todos aqueles que queiran gozar dun paseo marítimo-cultural dende o peirao de Vigo ata a illa de San Simón. Os pasaxeiros irán acompañados dunha audioguía que lles irá narrando a historia da enseada e lles permitirá revivir a batalla de Rande. Posteriormente farán unha parada de hora e media na Illa de San Simón segundo nos explicaba o ideólogo da iniciativa, o director da Axencia de viaxes Loa, Luís Otero.


A idea pretende ser unha alternativa de ocio para os milleiros de turistas que atracan en Vigo que teñen así, ademais da tradicional visíta a Santiago de Compostela, a posibilidade de coñecer a ría nunha viaxe de tres horas cuxo custe é de 15 euros para adultos mentres que os menores de 12 anos pagarán dez euros do mesmo xeito que os maiores de 65.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: