www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Setembro de 2019

Tanxarina presenta o seu novo espectáculo "Trogloditas"
Cultura • 20/07/2010
Autor: M. X. Queimaliños

A obra poderase ver no XI festival internacional de Artista de Rúa de Redondela os vindeiros  23 e 24 de xullo na Alameda. Unha obra chea de humor para todas as idades onde os integrantes de Tanxarina comparten escenario cos monicreques baixo a dirección de Evaristo Calvo.


A compañía Tanxarina representará no XI Festival Internacional de Artístas de Rúa de Redondela  o seu novo espectáculo, 'Trogloditas', cunha singular posta en escena, humor en estado puro, monicreques de vara e moito traballo actoral baixo a dirección de Evaristo Calvo.


En trogloditas os tres integrantes de Tanxarina, Miguel Borines, Eduardo Rodríguez 'Tatán' e Andrés Giráldez, volven compartir escenario cos monicreques, pero nesta ocasión de principio a fin.


A veterana compañía presenta esta innovadora montaxe, unha representación que comeza no exterior dunha cova onde tres trogloditas convidan os asistentes a entrar para gozar do espectáculo. No interior, exhiben as súas artes circenses dous lanzadores de menhires, un levantador de pedras e un faquir.


Entrementres, os actores protagonistas conseguen trasladar o espectador até a Prehistoria, cun humor que roza o absurdo, grazas a unha lograda ambientación, un vestiario impactante a cargo de Carlos Alonso e unha orixinal linguaxe. A música, interpretada en directo con instrumentos 'primitivos' de creación propia, tamén ocupa un lugar destacado na función, dirixida a público familiar a partir de 5 anos.


Sorprende o formato, pensado para desenvolver ao aire libre en grupos reducidos; sorprende a caracterización e sorprende tamén a escenografía a cargo do redondelán Pablo "O Pastor".


A representación  de 'Trogloditas' será o vindeiro venres e sábado, 23 e 24 de xullo, no XI Festival  Internacional de Artistas de Rúa de Redondela. Haberá tres pases diarios (cun aforo de 50 persoas cada un), ás 20h30, 21h30 e 22h30, na Alameda do Concello.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: