www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 20 de Febreiro de 2019

As obras de construción das pistas de Skate destapan o lixo oculto na Marisma
Sociedade • 6/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Dende hai semanas as máquinas traballan para nivelar o terreo entre o novo Pavillón de deportes e o río Pexegueiro, lugar no que está previsto construír a pista de skate e unha cancha de baloncesto. Unha actuación que fixo asomar o lixo soterrado nese espazo no que décadas atrás estivera ubicado o vertedoiro municipal.


A parcela na que os afeccionados ao skate contarán cunha pista para practicar esta modalidade deportiva ocupa uns 400 metros cadrados e estaba sendo empregada ata o de agora como zona de estacionamento. Con todo, dende hai semanas as máquinas traballan xa nas labores previas á construción dese recinto deportivo. Unha actuación que destapou o lixo que dende hai máis de 25 anos permanecía soterrado baixo terra, logo de que se pechara o vertedoiro municipal.


Unha vez realizados os traballos de nivelado do terreo procederase a realizar unha obra que conta cun investimento de 196.000 euros, financiados na súa maior parte con fondos Feder dentro do proxecto Redondela 2020.  O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional achega de feito o 80% mentres que o 20% restante corre a cargo do concello.


O primeiro "skate park" de Redondela será de formato bowl, construído de formigón, con varias zonas de saltos, obstáculos e espazos para as distintas especialidades deportivas. Construirase tamén unha cancha de baloncesto ao aire libre completando así na zona da Marisma un complexo deportivo no que xa están instalados dous pavillóns, a piscina, as pistas de tenis e pádel e os campos de fútbol de Santa Mariña.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: