www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Abril de 2019

As escolas unitarias loitan pola súa supervivencia
Sociedade • 7/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A falta de alumnado é o principal problema co que se atopan estes centros que teñen moito que ofrecer: unha maior proximidade coas familias, fomentan o espírito cooperativo e favorecen a aprendizaxe ao convivir na mesma aula nenos de diferentes idades dende os 3 aos 6 anos. Con todo, as poucas inscricións fan perigar a súa continuidade. Para captar alumnado organizan xornadas de portas abertas. Este venres en horarios de 12:00 a 14:00 horas pais e nais poden achegarse a escola San Pedro de Cesantes, o luns 11 e o sábado 16 é a escola de Ventosela a que nos convida a coñecer as súas instalacións.


A caída da natalidade, con cada vez menos nenos nas parroquias, e a imposibilidade de ofrecer servizos como o comedor ou o coñecido como plan madruga que permite deixar aos nenos no centro ata unha hora antes do inicio das clases, están a poñer en risco a supervivencia destas escolas unitarias. Tanto en Ventosela como en Cesantes sofren a incerteza de que pasará no futuro ante a caída das matrículas. "Senón logramos que se inscriban nenos non temos futuro, acabarán pechando os centros" explica Rocio Filgueira, mestra responsable da unitaria San Pedro de Cesantes.


Son conscientes nestas escolas que moitos pais e nais vénse obrigados a optar por outros centros educativos que ofrecen máis servizos extraescolares, pero insisten nas vantaxes comparativas que supón para o alumnado iniciar a súa vida lectiva nestas escolas. "Hai unha interacción maior coas familias, unha interacción que en colexios grandes non é posible" explica Filgueira "con dez nenos, como é o noso caso, é moi doado traballar, implicar a pais e nais e facer actividades que non sería posible en aulas con 25 rapaces". Ademais destaca o traballo cooperativo e a aprendizaxe por imitación ao mesturar alumnos de diferentes idades así como a atención individualizada con maior atención ás particularidade de cada neno ou nena.


A drástica caída das matrícula dispara as alertas. En Cesantes contan con dez alumnos "temos cinco nenos de 5 anos e outro cinco de 4 anos, pero ningún de tres anos, unha situación que fai perigar a supervivencia da escola" recoñece Filgueira.


Se a tendencia non muda a Xunta podería decretar o peche do centro, como xa lle ten acontecido a outras unitarias.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: