www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 20 de Febreiro de 2019

Redondela propón a Federico García Lorca como homenaxeado no Día das Letras Galegas
Política • 8/02/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os votos a favor de PP e PSOE permitiron sacar adiante unha proposta que levaba a pleno o grupo de goberno a iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística e que non contou co apoio do resto dos grupos da oposición. AER, BNG e o edil non adscrito, ademais de criticar o que consideran unha "moción cargada de cinismo ao presentala un grupo que no condena o réxime franquista que asasinou a Lorca" entenden que malia a importancia de Lorca para a literatura universal o homenaxeado no día das Letras debería ser un escritor ou escritora cuxa obras estea escrita maioritariamente en galego.


Os argumentos defendidos dende a Concellería de Cultura para propoñer a candidatura de Lorca como escritor homenaxeado no día das letras galegas céntranse na súa vinculación con Galicia, sendo o noso idioma o único empregado polo escritor máis aló do español. Neste sentido facía referencia a edil Teresa París a súa obra "Seis poemas gallegos" cuxa difusión, segundo dixo "permite que o noso idioma sexa coñecido en todo o mundo".


Malia coincidir o resto dos grupos en recoñecer o enorme valor e mérito que supón que o poeta más traducido en castelán escribira tamén en galego, deixando para a historia seis poemas escritos en galego, criticaban aos populares por obviar na súa proposta que o poeta foi asasinado polas súas ideas e pola súa homosexualidade por una réxime que "o PP se nega a condenar".


Tamén apuntaban dende os grupos da oposición (AER, BNG e edil non adscrito) que existen outros escritores cuxa obra é maioritariamente en galego, cunha produción neste idioma moito máis extensa e que merecen ser recoñecidos no día das Letra Galegas, polo que decidiron non apoiar a moción.


Si o fixo o PSOE ao tempo que reclamaba do grupo de goberno que cando se fale de Lorca "non se esquezan de lembrar a súa adhesión política e o seu compromiso social".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: