www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Novembro de 2019

Paxaretas reivindica a folga do 8M: "Compre saír á rúa a reclamar a igualdade"
Sociedade • 7/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Colectivo feminista de Redondela sairá este venres á rúa con dúas convocatorias ás 12:00 e as 19:00 horas na Praza da Constitución. Fan un chamamento a secundar o paro de 24 horas ao que están chamadas as mulleres "unha folga de traballos, de coidado e de consumo" que busca amosar a importancia do traballo das mulleres na sociedade e visibilizar que son elas as que asumen os coidados dos dependentes. Unha protesta mundial co gallo do Día Internacional da Muller en torno á cal xira un programa que se vai desenvolver durante todo o mes con charlas e obradoiros.


Os motivos para sumarse a esta mobilización, explica Anabel Rei dende Paxaretas, "son evidentes, as mulleres cobramos menos no mesmo posto de traballo e a porcentaxe que ocupa cargos de responsabilidade é mínimo, ademais tócanos asumir os coidados dos dependentes, por iso compre saír a rúa, para esixir que todo isto mude".


Lamentan que dende o concello non se secunde a protesta de mañá "entendemos que é contraditorio celebrar todos os meses unha concentración contra a violencia de xénero e logo non apoiar a folga, por que si hai que mobilizarse contra a violencia directa e non hai que facelo contra a que padecemos día a día?".


Ademais das concentracións que celebran este venres, ás 12:00 e ás 19:00 horas na praza da Constitución, teñen en marcha outras actividades enmarcadas na programación do Marzo Muller. Así o vindeiro martes día 12 celebran na Casa da Cultura a charla "Científicas da casa: mulleres de aquí e de hoxe", o xoves 21 organizan unha charla sobre a prevención do cancro de mama que correrá a cargo de Adicam e pecharán o mes cun obradoiro o luns día 25 ás 18:00 horas baixo o título "Abolición de prostitución:  pasamos a acción?" porque di Rei "o feminismo ou é abolicionista ou non é feminismo".


O Colectivo vén de poñer en marcha co gallo do seu primeiro aniversario unha páxina web na que dan conta das súas actividades e propostas.


 


 


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: