www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 25 de Abril de 2019

Paxaretas escenifica El Cuento de la criada para denunciar a comercialización "dos nosos corpos"
Sociedade • 8/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Xentes de todas as idades asistiron á representación das mulleres que conforman Paxaretas, quen botaron man do célebre texto/serie de "El cuento de la criada" para denunciar a explotacion reprodutiva e as políticas que determinados partidos defenden a favor dos ventres de aluguer. Unhas políticas "que converten ás mulleres en meros obxectos reprodutivos, nos que as máis desfavorecidas economicamente estarían a disposición do desexo dos máis ricos". A mobilización repetirase ás sete da tarde na Praza da Constitución.


A praza da Constitución acolleu o acto convocado polo colectivo Paxaretas no que se fixo especial fincapé na necesidade de defender os dereitos das mulleres ante as políticas retrógradas dalgúns partidos. Unha vez máis os lemas "esta é a nosa revolta" e "nin un paso atrás" serviron de fío condutor dunha mobilización reivindicativa que, malia coincidir nesta ocasión coa manifestación convocada en Vigo, volveu encher a praza da Constitución.


Lembranza especial neste acto para Sesé, a muller asasinada hai dous anos pola súa exparella en Chapela e que onte era homenaxeada no Multiúsos do Piñeiral co gallo da presentación do libro "No camiño do vento" que recompila textos e reflexións que foron recuperados polo seu fillo Joshua.


Referencias tamén ás que nos precederon na loita pola igualdade "votamos por todas as que foron antes ca nós, que se fixeron escoitar en mundos de homes como Rosalía, Frida Khalo ou as sufraxistas".


Entre sos asistentes a protesta había representación de todos os partidos presentes na corporación municipal agás o PP, que no mesmo horario celebraba o acto institucional do Concello na praza de Alejandro Otero.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: