www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 21 de Marzo de 2019

O Atl. Vilar suma e segue co obxectivo da permanencia
Deporte • 13/03/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo que adestra Mon Sanromán vén de sumar tres puntos de ouro no campo do Tyde, e este domingo volverán xogar outra importante final fóra da casa, ante o Pontellas B. Ostentan unha cómoda posición na táboa, son 10º, pero o técnico advirte que nesta temporada pode haber ata 7 descensos, motivados polos arrastres.


Seguen con paso firme cara o obxectivo da salvación na súa primeira temporada na Segunda Galega. A pasada xornada acadaron unha importante victoria en Tui, na que o Atl. Vilar se adiantou xa na primeira parte, con dous goles case seguidos de Pablo e Óscar Vázquez. O Tyde foi a remolque e só conseguiu recortar distancias nos últimos minutos do partido. Unha recta final que aos de Mon Sanromán se lles fixo costa arriba, sobre todo no plano físico, debido á sobrecarga dos xogadores pola falta de repostos. E é que as lesións están a lastrar ao conxunto redondelán desde hai case dous meses, con convocatorias para as que o míster só pode contar con 12 xogadores. Tras a última vitoria, o Vilar está na 10ª posición na táboa, unha situación que Sanromán tería "asinado con sangue" ao comezo da temporada. Pero non hai tempo para a relaxación, queda aínda moita liga por diante e o adestrador advirte que esta temporada a salvación vai estar "moi cara". Aos tres descensos que marca a normativa, súmanse aqueles que determinen os arrastres de categorías superiores, e que segundo as contas do adestrador redondelán "poden ser ata tres ou catro máis". Nas próximas semanas terán que enfrontarse a algúns dos seus rivais directos pola permanencia, e a primeira final será este domingo, ante o Pontellas B. Xogarán de novo fóra da casa, unha cuestión que non preocupa ao técnico, xa que están a obter "moito mellores resultados a domicilio que no campo de San Martiño". Sobre o duelo co Pontellas, Sanromán fala dun partido "trampa", xa que se trata de xogadores moi novos que poden "dar a sorpresa". De feito, veñen de xogar no campo do Caldelas, un dos equipos máis fortes do grupo, onde perderon só dun gol. O encontro disputarase en San Campio, o domingo ás 12.00 horas.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: