www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Maio de 2019

Veciños de Chapela instan ao concello a actuar de xeito urxente para evitar máis accidentes
Sociedade • 13/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Un novo accidente de circulación que puido acabar en traxedia. Unha grúa que acudira ao Camiño do Subido para facerse cargo dun vehículo que previamente sufrira un accidente de circulación, perdía o control e deslizábase por unha pendente uns 50 metros ata colidir contra dous vehículos estacionados na rúa Estación. Os veciños avisan que non se trata dun feito illado "o firme está en moi mal estado e cando chove os coches escorregan e patinan". Hai tan só un mes presentaron máis de 500 sinaturas no Concello para reclamar que se acometan obras de mellora nos camiños do Penisal, Ánimas, Subido e Formiga e insisten en que é "unha actuación urxente".


O sinistro producido este martes deixa imaxes espectaculares con dous vehículos gravemente danados. Os feitos producíanse logo de que unha grúa que se atopaba socorrendo a outro vehículo no Camiño do Subido perdera a adherencia ao firme e escorregase máis de 50 metros sen control ata colidir con eses turismos que estaban estacionados. Non hai que lamentar vítimas pero si importantes danos materiais. Con todo, os veciños alertan do risco de novos accidentes e instan ao concello a actuar de xeito urxente.


Lembra o presidente da Asociación de Veciños, Marcial Pérez, que este é tan só un novo accidente nunha zona moi transitada tanto por vehículos como por peóns "de feito, o alumnado do instituto de Chapela adoitar empregar estes camiños que comunican a avenida de Vigo coa parte alta da parroquia para desprazarse ao centro educativo".


Esixen ao concello que acometan as obras previstas "hai 8.000 euros consignados nos orzamentos para realizar algunha obra de mellora, non entendemos a que esperan". Unha cantidade que con todo entende insuficiente para todo o que hai que facer: arranxar o firme, colocar valados de protección naqueles lugares onde sexa necesario, canalizar a auga e adoptar medidas en canto a circulación viaria como poida ser establecer un único sentido ou que se regule o seu paso con semáforos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: