www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 21 de Marzo de 2019

O Seprona libera unha partida de aves silvestres ilegalmente capturadas en Redondela
Sucesos • 14/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

As investigacións realizadas pola Patrulla do Seprona de Vigo culminaron este martes coa incautación de preto de medio centenar de distintas especies de aves silvestres en poder dun veciño do municipio, que supostamente as capturou ilegalmente utilizando métodos non selectivos para a caza. O autor dos feitos enfróntase a un delito contra a protección da fauna e flora silvestre.


Durante o transcurso da inspección que se realizou nun terreo contiguo á vivenda desta persoa, o Seprona incautouse de catro gaiolas trampa nas que colocaba un xílgaro como reclamo para atraer ás outras aves. Ademais, interviñéronse 28 exemplares de xílgaros europeos ou cardelina, oito rulas europeas e cinco verderolos.


As rulas foron postas inmediatamente en liberdade nunha zona próxima á mesma leira onde estaban en catividade. Pola súa banda, os outros paxaros foron postos en liberdade cunha solta que se realizou noutro lugar próximo, provisto de matogueira e arboredo, máis axeitado ao hábitat natural destas especies.


As dilixencias instruídas por un presunto delito contra a protección da fauna e a flora silvestres serán entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Redondela, onde deberá comparecer o presunto responsable cando sexa citado.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: