www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Setembro de 2019

Goleada do Choco ante o Céltiga cun Antón Vilas espectacular
Deporte • 18/03/2019
Autor: Ana Prieto

O equipo redondelán suma xa trece xornadas sen perder logo de esmagar ao Céltiga (6-1) nun partido no que Antón Vilas anotou 5 goles. No fútbol tamén gañaron Arcade, Cesantes e Chapela. No balonmán vitorias para os equipos da SAR na Honra Prata Feminina e Autonómica Masculina e derrotas para Cíes Chapela e Rodosa Chapela.


Terceira División


Choco 6-1 Céltiga


O Choco asinou unha actuación brillante en Santa Mariña. O partido arrincou ben para o conxunto de "Gonza", Vilas abriu o marcador no minuto 22. Tres minutos despois Eduardo Otero facía o gol do empate, pero no minuto 29 outro gol de Vilas volvía adiantar aos redondeláns, chegando ao descanso cun marcador de 2-1. Na segunda metade houbo que agardar ata o minuto 70 para ver o 3-1, cun gol de Samu, e dous minutos despois novamente Antón Vilas marcaba o 4-1, e foi tamén o autor do 5-1 no minuto 74. Foi o mesmo xogador o que pechaba o marcador tres minutos antes de rematar o tempo regulamentario co 6-1 que sería xa definitivo. Durante o partido, ambos os adestradores esgotaron todos os seus cambios. Por parte do Choco entraron desde o banco Vilaboa, Carlos Cora e Davo en substitución de Jose G, Portela e Aitor, mentres que os cambios por parte do Céltiga foron Diego Lamas, Alejandro e Rei Gómez, que entraron por Javi, Nico e Jacobo. O colexiado mostrou tres cartóns amarelos, unha para Aitor, do equipo local e dous para Jacobo e Pazos, do equipo visitante. Na seguinte xornada o Choco xogará contra o Alondras fóra de casa, cos do Morrazo na 5ª posición da táboa e o Choco na 8ª, con 5 puntos menos.


Primeira Autonómica



Caselas 0-1 Arcade


Os de Soutomaior suman a súa cuarta vitoria consecutiva no campo do Caselas. Son 3º do grupo, e a próxima fin de semana recibirán ao Umia, equipo situado un posto por baixo dos de Soutomaior, cun punto menos.


Segunda Autonómica



Pontellas B 1-0 Atl.Vilar


Os de Mon Sanromán manteñen a 10ª praza malia a derrota, pero agora só cun punto de marxe sobre os posibles postos de descenso. Un solitario gol de Álex, na segunda metade, deu a vitoria ao Pontellas B, que viña dunha mala dinámica de resultados. Na próxima xornada o Vilar recibe ao Progresista, equipo afundido no pozo da táboa.


Bamio 0-1 Cesantes


Os redondeláns conseguiron sumar tres puntos vitais no campo do Bamio, cos anfitrións afundidos na parte baida da táboa. Na próxima xornada reciben ao Vilaboa, equipo situado na metade alta da clasificación.


Terceira Autonómica



Chapela 2-1 Balaídos


Os de Chapela manteñen a 4ª praza do grupo logo de impoñerse ao Balaídos. Na próxima xornada visitan o campo do San Roque Casablanda, no ecuador da táboa.


Atl. Matamá 7-0 Nespereira


O Nespereira segue afundido no pozo da clasificación logo de encaixar unha contundente goleada por parte dun dos equipos que aínda pelexan polo ascenso, o At. Matamá. Na próxima xornada reciben ao Pereiró, cos vigueses tamén na parte baixa da táboa.


Salcedo-Soutomaior (aprazado)


O Soutomaior, que mantén a 3ª praza malia ter unha xornada menos disputada, recibe o domingo ao R.Bahía, 5º do grupo.


Fútbol Sala



Terceira División


Foi xornada de descanso. Volven á competición o día 23, cos enfrontamentos Ribeira-Campito e Pazos de Borbén -Sta. Isabel F.S. O Campito, coa salvación xa a 8 puntos, xogará na pista do Ribeira, que é 5º. O Pazos de Borbén, que agora comparte liderado co Bueu, recibe no seu pabillón ao Santa Isabel, que ocupa a 10ª praza.


Preferente Galicia Sur


Redondela Maramar 3-6 Big Mat Persa Quinta de Tui


O conxunto redondelán suma unha nova derrota, sitúase no 12º posto, e na próxima xornada gogará na pista do Marín, pechacancelas do grupo.


Balonmán


Honra Prata Feminina



Lanzarote 21-25 SAR Rodavigo


O equipo que adestra Elisardo Covelo "Chini" venceu na súa visita ao Lanzarote o sábado, dominando o marcador e anotando no segundo tempo amplas vantaxes sobre o bloque canario. Colócase a SAR no sétimo posto, e na próxima fin de semana recibe en Redondela ao Oviedo


Cíes Chapela 16-35 Cleba


O liderado é do Rodríguez Cleba tras esmagar ao Cíes Obra Civil Chapela. O pechacancelas da División de Honra Prata Feminina viu como o rival foi moi superior durante todo o encontro. Na proxima xornada volven xogar na casa, reciben ao Tenerife.


Primeira Nacional Masculina



Chapela 24-30 U.Financiera


O Rodosa Bm. Chapela fallou demasiado ante o porteiro e acabou pagando os seus erros. A Unión Financeira levou os dous puntos e pode seguir aspirando á fase de ascenso. Próxima xornada Lalinense-Chapela


Primeira Autonómica



SAR 30-21 Pabellón


Os de Diego Lorenzo manteñen o 3º posto da táboa logo da vitoria ante o Pabellón. Na próxima xornada xogan no pabillón do Viveiro.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: