www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Setembro de 2019

O BNG reclama ao Concello que apoie a participación do Mendiño no Club de debate
Política • 18/03/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Os alumnos de bacharelato do instituto Mendiño fixéronse co primeiro premio da fase provincial do Club de debate que organizan os servizos de Normalización Lingüística de distintos municipios e no que participou por primeira vez este centro de Redondela. Un logro que foi posible grazas ao esforzo intelectual pero tamén económico dos participantes que tiveron que financiarse o desprazamento a Pontevedra, lugar no que se realizaron os debates. Dende o BNG critican que o concello rexeitase colaborar na actividade e reclaman "que o alcalde preste todo o apoio económico necesario para que o alumnado poida continuar participando na seguintes fases do Certame".


O BNG ademais de trasladar os parabéns a alumnos e profesores por esta iniciativa critican o que cualifican de "actitude manifestamente hostil do alcalde, Javier Bas ante a negativa a colaborar con este grupo de alumnos e alumnas".  Afirman que os gastos do traslado á capital da provincia para participar no encontro "asumírono en grande parte as familias, ademáis de achegas económicas do propio profesorado". Consideran "vergoñento que o noso fose o único Concello que non colaborou neste certame".


Para os nacionalistas trátase dun feito de enorme gravidade, centrando as súas críticas no alcalde, Javier Bas " quen asumiu a área de normalización lingüística, e en ningún momento quixo saber do tema". Acrecenta as súas críticas o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, pois hai un mes Redondela adheriuse á Rede de Entidades Locais pola Lingua Galega, organizadora deste evento escolar. "Xa advertimos que a Javier Bas unicamente lle interesaba a publicidade. Agora demóstranse as nosas sospeitas, pois o Certame claramente entra dentro das finalidades da Rede".


Esixen dende o BNG que o alcalde preste todo o apoio económico necesario para que o alumnado do IES Mendiño, poida continuar participando neste Certame.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: