www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 25 de Abril de 2019

Medran os roubos en vivendas e locais comerciais en Redondela
Sucesos • 1/04/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Nos últimos meses tense detectado un incremento de roubos tanto en vivendas particulares nas parroquias como en locais comerciais e de hostelería no centro da vila. Os últimos afectados: unha vivenda en Chapela o pasado venres, día no que tamén asaltaron a pescadería O Berberecho na rúa Pai Crespo de Redondela. Unha situación que se traslada ás axencias de seguros. A axente de Seguros Bilbao, Vanesa Fernández, asegura que "nos últimos meses recibimos máis partes por roubos e asaltos con violencia que por sinistros de circulación". Unha situación "alarmante" que entende podería corrixirse con "maior presenza policial na rúa".


O pasado venres uns individuos asaltaban a plena luz do día a pescadería O Berberecho, na zona de Vilavella. Lograron fuxir levándose con eles a recadación da caixa rexistradora. Nese mesmo día unha vivenda en Chapela sufría danos cuantiosos por valor de máis de tres mil euros logo de que accederan a ela rompendo a porta de acceso.


Non se trata de casos illados, segundo explica a axente de seguros da Oficina de Seguros Bilbao en Redondela, Vanessa Fernández "nos últimos meses temos recibido un regueiro continuado de denuncias sobre asaltos e roubos con violencia, unha situación que entendemos é alarmante".  Para tentar controlar esta situación demandan medidas da administración que pasan "por incrementar o número de axentes e patrullas na rúa, xa que a día de hoxe a presenza é moi escasa".


Neste sentido engade que, malia o eficaz que poida resultar unha alarma á hora de facer fuxir aos asaltantes "o tempo que tardan en chegar as patrullas permite que os ladróns se fagan co que teñen máis a man dende un ordenador, unha tablet ou mesmo a televisión, ou no caso dun comercio a recadación da caixa".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: