www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

A "solta do cabalo" no monte de Ventosela clausura o Artelixo 2019
Cultura • 3/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Artelixo recolle as súas obras efémeras este sábado día 4, logo de dúas semanas de exposición e de actividades varias arredor do lixo e a reflexións sobre a sustentabilidade da vida moderna. Previo a esta clausura terá lugar a última actividade: a solta do "Cabalo Enteiro" (obra indultada na edición 2014 do Artelixo) no monte veciñal de Ventosela, en colaboración coa Comunidade de Montes desta parroquia e dos colexios CEIP de Reboreda e EEI de Ventosela, este venres pola mañá na "Devesa do abade" cunha plantación de castiñeiros.


A escultura do cabalo, obra o escultor redondelá afincado en Mos Carlos Graña e elaborada con madeira de refugallo, instalarase nas Pedras Agudas. A súa ubicación e as súas características farán del un excelente mirador escultórico sobre a ría de Vigo, "un aliciente artístico a maiores para as vistas, xa de por si excepcionais, que Ventosela ten sobre a ría", opinan desde Artelixo, colectivo que doa esta escultura para regalía da veciñanza tamén das parroquias. "Para nós é importante facer esta "posta" xunto cos nenos e nenas que participan na plantación de árbores, porque nos parece unha boa maneira de que eles se conciencien do valor natural e tamén artístico do medio que os rodea", opinan as mesmas fontes.


Esta edición 2019 do Artelixo (inaugurada o pasado 21 de abril) levou por nome "Bágoas de serea", nome tamén da obra que o artista local Kiko Amoedo ten exposta no Multiúsos da Xunqueira, e que está a ser a proposta para ser a obra indultada este ano, de entre as case cen obras expostas. Trátase dun cadro con elementos do lixo extraído dunha limpeza da praia de Cesantes realizada o pasado mes de outubro, dentro dunha campaña de limpeza de ADEGA.


Dende o colectivo ArteLixo adiantan que preparan una actividade para nenas e nenos para participar no Festival Millo Verde de este ano que se celebrará do 2 ao 9 de xuño na punta da praia en Cesantes.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: