www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 25 de Maio de 2019

Localizados os ocupantes dunha furgoneta que fuxiran logo de provocar un accidente en Chapela
Sucesos • 6/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A Avenida de Vigo en Chapela foi o lugar no que se producía un aparatoso accidente de tráfico na tarde do pasado sábado. O sinistro tiña lugar cando o condutor dunha furgoneta, por causas que está a investigar a Policía local, perdía o control e colidía contra dous vehículos estacionados, quedando envorcado no medio da estrada. Os ocupantes da furgoneta déronse a fuga, supostamente para evitar seren sometidos a un control de alcohol e drogas, sendo localizados posteriormente, tramitándose a correspondente denuncia ante o xulgado.


O suceso tiña lugar ás 16:30 horas do sábado e, malia o aparatoso do accidente e seren tres os vehículos implicados, afortunadamente non hai que lamentar feridos, aínda que si importantes danos materiais.


A furgoneta que provocou o accidente saíuse da vía colidindo primeiramente contra un turismo estacionado nun lateral da Avenida de Vigo, á altura da antiga estación de Chapela e rebotando ata chocar tamén contra outro turismo aparcado no lateral oposto da estrada.


Unha vez no lugar, os axentes da policía local comprobaron que os dous ocupantes da furgoneta déranse á fuga, sendo localizados horas despois, tramitándose a correspondente denuncia.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: