www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Xuño de 2019

Soutomaior recupera 3.500 toneladas de area do mar para rexenerar as praias do Peirao e Matilde
Sociedade • 7/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Tras reducir o volume de area habitual polas mareas e as últimas choivas, o Concello puxo en marcha as tarefas de rexeneración destes areais. Para iso necesitáronse 60 barcos de area, aproximadamente 3.500 toneladas, o que supón un investimento de 22.000 euros para as arcas municipais. Os traballos de mellora nos areais contan co visto e prace da confraría de pescadores e mariscadores de Arcade e da consellería de Medio Ambiente xa que a rexeneración está a realizarse con area procedente da propia ría.


Malia que empregar area do mar resulta máis caro que a tradicional area de canteira, o seu uso garante a integración total da nova area no ecosistema natural de Arcade. Ademais, tal e como explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, a rexeneración dos areais, ademais de no sector turístico, tamén redunda no sector pesqueiro e marisqueiro local "ao mellorar a calidade dos areais con area autóctona, tamén melloramos a navegabilidade das embarcacións, que pola acumulación de area non podían navegar coa marea moi baixa", destacou.


Tras o baleirado da area por parte do barco que a colleitaba a pasada semana, esta semana comezaron as tarefas de distribución, polo que os areais deberían estar completamente renovados a tempo para a tempada estival.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: