www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 26 de Agosto de 2019

Redondela e Figueirido despiden hoxe ás vítimas do accidente da AP-9
Sucesos • 31/05/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Xornada difícil a que se vivirá hoxe en Redondela, onde ás 18:00 horas a Igrexa de Santiago acollerá o funeral por Bieito e Sofía, dous dos mozos falecidos no accidente da AP-9. Durante a tarde de onte centos de persoas acudían ao tanatorio de Tanamañó, no que equipos de psicólogos da Cruz Vermella e voluntarios de Protección Civil atendían aos que ata alí se achegaban, a maior parte xente nova, amigos dos falecidos. O mesmo acontecía no tanatorio de San Mauro en Pontevedra, onde está a ser velado o corpo de Sara, a terceira dos falecidos no accidente, cuxo funeral terá lugar hoxe ás 17:45 na Igrexa de San Andrés de Figueirido.


Funeral conxunto por dúas das vítimas do accidente da AP-9 oficiado polo bispo Luis Quinteiro Fiuza ás seis da tarde na Igrexa Santiago de Redondela. Na tarde de onte centos de persoas, a maior parte mozos da súa mesma idade achegábanse ao tanatorio de Tanamañó para despedir a Sofía Pérez e Bieito Lovera. Escenas de dor que se repetirán durante toda a xornada de hoxe, do mesmo xeito que no tanatorio San Mauro de Pontevedra, lugar no que está a ser velado o corpo de Sara Cal. O funeral desta moza terá lugar na Igrexa San Andrés de Figueirido  ás 17:45 horas.


Exceso de velocidade


Continúan as investigacións para saber que aconteceu na noite do mércores para que o vehículo no que viaxaban estes cinco mozos, que deixa tres falecidos e dous feridos que se recuperan nos hospitais Cunqueiro e Meixoeiro, saíra da estrada na AP-9 e acabara chocando contra un piar da ponte e envorcando na mediana da autoestrada.


Todo apunta a un exceso de velocidade do vehículo xunto coa falta de experiencia do condutor, con tan só dous meses de carné, como causas probables do fatal accidente. Á espera do informe da Garda Civil, que debe realizar a reconstrución do sinistro e estudar a marca da freada que o vehículo deixou no firme, así como a forza do impacto, o Delegado do Goberno, Javier Losada, apuntaba ao exceso de velocidade como posible causa. Confirmou que o condutor deu negativo nas probas de alcoholemia e de detección de drogas e pediu cautela, xa que ningunha conclusión é aínda definitiva.


O delegado do goberno trasladou a súa solidariedade ás familias das vítimas, do mesmo xeito que xa o fixera a corporación redondelá ou a deputación de Pontevedra. Tamén os alcaldes de Soutomaior, onde reside parte da familia dunha das vítimas e de Pazos de Borbén, onde vivía Bieito, expresaron as súas condolencias a familiares e amigos.


Numerosos comercios da vila amosaban onte lazos e crespóns negros en sinal de loito por un suceso que ten conmocionado a todo o concello e bisbarra, tanto pola xuventude das vítimas como polo feito de seren de familias moi coñecidas.  


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: