www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 14 de Novembro de 2019

O lume (purificador) regresa ao Monte da Peneda
Cultura • 18/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A suma de novos colectivos na organización fai posible que se retome a Festa dos Fachos logo dun ano en suspenso. Será este sábado ás 23:30 horas cando a marcha cos participantes portando os fachos accesos arranque dende a base da Peneda para chegar ao cumio. Nesta ocasión o pregón, sempre reivindicativo, correrá a cargo do que fora durante 24 anos director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.


A Asociación Cultural Alén Nós, pioneira na organización deste evento, contará coa colaboración das Comunidades de Montes de O Viso, Arcade de Riba, as asociacións de veciños Pozovello, Lourido e o Barqueiro e a asociación Amigos da Peneda. Colectivo que se unen co obxectivo común de recuperar esta popular romaría que tivo un parón o pasado ano pero que rexurde coa súa programación habitual.


Unha celebración do solsticio de verán na que os participantes ascenden ata o monte da Peneda a pé e cos fachos prendidos. Unha vez no cumio haberá a tradicional invocación que este ano será autoría do que fora director da Editorial Xerais, Manuel Bragado. A fogueira e a queimada, coa aparición de "Pedro Madruga" baixo a tutela do druida Noé Massó, completarán un programa que se pechará coa degustación da queimada con rosquillas de balde. Haberá venda de refrescos para as persoas que o desexen.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: