www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 20 de Setembro de 2019

Polémica tras confirmar Digna Rivas que non asistirá á procesión do Corpus como alcaldesa
Política • 19/06/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A decisión chega precedida polo pacto de investidura asinado co BNG nun de cuxos puntos se recollía o compromiso do novo goberno de non asistir ás manifestacións relixiosas en nome da institución municipal. Previamente, xa no 2015, un acordo do pleno aprobado cos votos de toda a corporación agás o PP xa recollía a "non participación da corporación en manifestacións de tipo relixioso". Catro anos despois o novo goberno asume este acordo que o PP nunca acatara por entender que o Pleno non tiña competencia nesta cuestión.


Un acordo plenario, o de non asistir ás procesións en nome da institución municipal, que nunca chegara a cumprirse por entender os populares que non era competencia do pleno determinar a asistencia ou non dos concelleiros do goberno a este tipo de actos, motivo polo que sempre se mantivo esa representación tanto na procesión do Corpus, como na do Cristo ou nas que se celebran nas parroquias co gallo das súas festas patronais.


Situación que parece vai cambiar coa chegada do novo goberno do PSOE logo de que a alcaldesa, Digna Rivas, confirmase que non haberá representación institucional da procesión que se celebra mañá xoves.


Unha decisión que xa fora criticada polo PP nada máis coñecerse que era un dos puntos asinados co BNG para garantir o seu apoio na sesión de investidura. Ao entender dos populares "a non presenza de Rivas nesta procesión supón un menosprezo a algunhas das tradicións máis senlleiras do noso concello". Critican dende o grupo da oposición que "a festa de interese turístico galego e que aspira a acadar o recoñecemento nacional non vaia contar con representación institucional do goberno".


Interpretación ben diferente a que sempre fixeron o resto dos grupos políticos con representación na corporación por entender que é inapropiado que nun estado aconfesional se sigan a mesturar as institucións políticas e relixiosas e que é preciso que se elimine a representación institucional nos actos relixiosos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: