www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 15 de Setembro de 2019

Redondela súmase ao apoio á vítima da "manada de Manresa"
Sociedade • 9/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Máis dun cento de persoas concentráronse na tarde de onte na praza do Concello para amosar o seu apoio á moza violada por seis homes cando tiña tan só 14 anos de idade. Fixérono convocados pola Asociación Feminista Paxaretas nunha xornada na que a menor testificaba no xuizo que se está a celebrar na Audiencia de Barcelona e onde tivo que lembrar como foi violada repetidamente polos seus agresores. Os colectivos feministas reclaman con estas mobilizacións que o caso sexa xulgado como agresión sexual e non como abuso lembrando  que "cando 6 homes te acurralan e te agriden sexualmente estamos falando claramente dunha violación".


Baixo os lemas "Nos é abuso, é violación" e "Eu créote", máis dun cento de veciños participaban na concentración que se celebraba en Redondela ao tempo que noutras localidades de Galicia e de todo o Estado en apio á vítima da presunta violación múltiple que tivo lugar en 2016 en Manresa a unha nena de 14 anos de idade.


Durante o acto leuse un manifesto no que se lembrou o caso que se está a xulgar estes días en Barcelona esixindo que calquera acto sexual no que non medie o consentimento da muller sexa considerado violación.


Tamén houbo nese manifesto palabras de apoio para a menor que agora ten 17 anos e que se enfronta a un xuízo no que ten que relatar como foi vítima dunha violación múltiple cando os seus agresores aproveitaron que se atopaba baixo os efectos do alcohol e as drogas para sometela.


As participantes non quixeron esquecer outro tráxico suceso do que se cumpren 11 anos cando José Diego Yllanes Vizcay violou e asasinou a Nagore Laffage en Pamplona, a noite de San Fermín, por non querer ter relacións sexuais con el. Malia demostrarse os feitos o home foi condenado a 12 anos de prisión e un xurado popular condenouno por homicidio e non por asasinato aplicándolle os atenuantes de confesión do delito, arrebato, intoxicación etílica e reparación do dano.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: